Música, literatura e memoria para homenaxear á escritora

Catro centros educativos participan no concerto didáctico de Uxía Senlle polas Letras Galegas | NOTICIAS VERÍN

Uxía Senlle durante o espectáculo INDÓMITAS: Cancións Begoñísimas no Auditorio Municipal de Verín, acompañada pola arpista Bleuenn Le Friec.

Auditorio Municipal de Verín acolleu o pasado 28 de maio o espectáculo INDÓMITAS: Cancións Begoñísimas, un concerto protagonizado pola cantautora Uxía Senlle e enmarcado na programación das Letras Galegas 2026, que este ano homenaxea á escritora e xornalista Begoña Caamaño.

A sesión matinal, de carácter didáctico, reuniu a preto de 200 alumnos e alumnas de secundaria procedentes de catro centros educativos do municipio: o IES Castro de Baronceli, o IES Xesús Taboada Chivite, o CPR Plurilingüe María Inmaculada e o CPR Apostólico Mercedario. O alumnado tivo a oportunidade de achegarse á figura e ao legado de Begoña Caamaño a través dunha proposta artística especialmente deseñada para esta conmemoración.

Durante a actuación, Uxía Senlle estivo acompañada pola arpista Bleuenn Le Friec, ofrecendo un formato íntimo no que música, literatura e memoria se entrelazaron para rendir homenaxe á autora homenaxeada. O repertorio, especialmente composto para esta ocasión, buscou achegar ao público máis novo a dimensión humana e literaria dunha das voces máis relevantes da cultura galega contemporánea.

O espectáculo «constitúe unha homenaxe ás mulleres que loitan, crean e resisten, ao tempo que reivindica a amizade, a sororidade e a memoria colectiva como elementos fundamentais da construción dunha sociedade máis xusta», segundo a descrición da proposta.

concelleira de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de VerínSamanta Barreira, destacou a importancia de achegar este tipo de propostas ao alumnado e sinalou que as Letras Galegas representan «unha oportunidade extraordinaria para conectar ás novas xeracións coa nosa literatura e coa nosa lingua a través de formatos atractivos e emocionais».

Pola tarde, o Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín acolleu unha segunda representación aberta ao público xeral, completando unha das actividades máis destacadas da programación municipal das Letras Galegas 2026.