Venres. 29.03.2024
O achado patrimonial reforza a importancia xeográfica e política que tiña a bisbarra xa na Idade Media

O coñecido como castro das Quintas coincide coas trazas materiais da fortificación medieval do Castelo de Cabreira

O Concello de Verín e a Universidade de Vigo presentaron esta mañá o descubrimento da localización da antiga fortaleza medieval de Cabreira, xemelga do Castelo de Lobarzán tanto no emprazamento como no decorrer histórico. Gerardo Seoane, alcalde da vila, anunciou que se realizará unha intervención arqueolóxica para investigar as evidencias atopadas e valorizar o conxunto patrimonial. No enclave existen restos arqueolóxicos que falan da súa ocupación, tanto en épocas anteriores ó medievo como posteriores.

Castelo Cabreira_localización02_menospeso
Restos do Castelo de Cabreira, localizado na paraxe do Pozo do Demo, no lugar coñecido como castro das Quintas.

Moi escasas eran as referencias documentais existentes en canto ó Castelo de Cabreira, nen sequera o grande investigador verinense Xesús Taboada Chivite fala deste castelo medieval no seu prolífico e abondoso traballo de investigación sobre a bisbarra. Nembargantes, si se sabía que era unha das edificacións relacionada coa rede de fortalezas do entorno do século X, xunto co Castelo de Lobarzán, que configuraron a rede de poboamento e urbanismo do Val de Monterrei.

A dificultade que supón non ter moitas referencias documentais non freou a inquedanza de dous veciños da comarca para implicarse activamente na procura do antigo castelo. A arqueóloga Nieves Amado Rolán máis Andrés Diz Domínguez, estudante de Xeografía e Historia na Universidade de Vigo, levan anos traballando na busca de evidencias que lles permitiran descubir a localización do Castelo de Cabreira.

Ámbolos dous son membros de varios colectivos culturais e, logo de moitas visitas a diferentes lugares da contorna, concluíron que as evidencias materiais do castro das Quintas coincidían coas dunha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o Castelo de Cabreira. Xa neste ano, durante as prospeccións que se están a facer no xemelgo Castelo de Lobarzán, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz acompañounos e tamén confirmaba a localización do Castelo de Cabreira no Pozo do Demo.

Castelo Cabreira_pozo do Demo_menospesoParaxe do Pozo do Demo, zona na que se produciu o achado do Castelo de Cabreira.

A zona na que se descubriu o Castelo de Cabreira, o Pozo do Demo, ten unha forte implicación emocional para a veciñanza de Verín. Paraxe de lendas e contos, é un lugar de ocio e sendeirismo que se converteu hai tempo en área de recreo para os amantes da natureza. Cargada dunha vexetación que mestura flora mediterránea e atlántica, a paisaxe de impoñentes rochedos de granito ofrecía unha defensa natural á fortificación medieval

Xa no ano 1950, Taboada Chivite fixera unhas sondaxes no Pozo do Demo. As "Exploraciones en los castros de Cabreiroá" deron lugar á catalogación deste sitio e do Bouzadoiro como castros. Dende entón, coñecíanse como castro da Viña ou Baixada de San Xosé, tamén como castro das Quintas e castro da Igrexa dos Mouros ou Bouzadoiro, respectivamente.

HISTORIA DO CASTELO DE CABREIRA

A pesares de ser xemelgo do Castelo de Lobarzán, o Castelo de Cabreira é un gran descoñecido para a poboación da bisbarra. As evidencias materiais do castelo son ben escasas, pero o seu emprazamento no Pozo do Demo dotábao de defensas naturais polos catro costados e permitía manter vixiado todo o val de Monterrei.

O norte e o leste da fortaleza era inexpugnable ó situarse nesta zona o profundo e formidable canón do regato das Quintas. Polo oeste, unha vertente de altísimas escarpas. Sendo a cara sur a máis feble do Castelo de Cabreira, estas terras eran vixiadas polo veciño Castelo de Lobarzán, xa que era territorio inserido na terra de Lobarzana.

Castelo Cabreira_localización_menospesoTrazas arqueolóxicas do Castelo de Cabreira, achado na zona do Pozo do Demo de Verín.

Ámbolos dous castelos, Cabreira e Lobarzán, naceron na Alta Idade Media, formando parte das fortalezas do entorno do século X que configuraban a rede defensiva de poboamento e urbanismo primixéneo do Val de Monterrei. Castelos rexios, máis tarde pasaron a pertencer a Monterrei, xunto coas súas terras, tanto na etapa de póboa real como no vizcondado. No século XV foron derruídos nas loitas polo poder de Monterrei, deixando de aparecer na documentación que se conserva.

O que si se sabe agora, logo de anos de investigacións, é que en ámbolos dous enclaves existen importantes restos arqueolóxicos que falan da ocupación destes lugares en diferentes épocas. A falta de prospeccións arqueolóxicas máis polo miúdo, existen evidencias de ocupación dende a prehistoria, pasando pola época romana e medieval, e mesmo no contexto da Guerra da Independencia ou da Guerra Civil.

REFERENCIAS DOCUMENTAIS

A terra de Baronceli estaba dividida nas subterras de Cabreira, Lobarzana e Souto Vermud, vertebradas por dous castelos: o de Cabreira (ou Capraria) e o de Lobarzán. Se ben o de Lobarzán era coñecido na historiografía da bisbarra de Monterrei, o Castelo de Cabreira contaba con moi poucas referencias e citacións documentadas. Algúns investigadores nomeábano apuntando a súa localización física na parroquia de Cabreiroá, mentres outros o situaban na acrópole de Monterrei.

Francisco Pérez, investigador da UVIGO, xa dera a coñecer a distribución territorial da antiga terra altomedieval de Baronceli nunhas conferencias celebradas en Verín no ano 2014. Posteriormente, publicou un libro sobre as súas investigacións co título de: "La villa de Monterrey y su Tierra. SS. VIII-XIX".

O Castelo de Cabreira é un gran descoñecido para a veciñanza da bisbarra, ó contrario que o seu xemelgo: o Castelo de Lobarzán 

Dous datos documentais axudaron á localización definitiva dos restos do Castelo de Cabreira. Por unha banda, o topónimo Cabreira aparece nomeado no monte comunal da aldea de Cabreiroá, que, en realidade, se chama: Monte Comunal de Cabreira e Monte Maior.

Pola outra, cítase no Diccionario Geográfico, Estadístico, Histórico de España y sus posesiones de ultramar. Publicado polo xeógrafo e estadista Pascual Madoz en 16 volumes entre 1846 e 1850, hoxe en día segue sendo obra de referencia para xeógrafos e arqueólogos ó conter información sobre numerosos restos e ruínas arqueolóxicas e ser fonte de estudo para a toponimia.

No Diccionario Madoz fala do regato das Quintas e di: "del mencionado Monte Mayor se desprende un arroyo, que si bien es escaso de aguas en el estío, forma una vistosa catarata en tiempo de lluvias, cerca del paraje titulado Cabreira".

PRESENTACIÓN PÚBLICA DO ACHADO PATRIMONIAL

O Concello de Verín e maila Universidade de Vigo daban a coñecer esta mañá o descubrimento da localización exacta do castelo medieval de Cabreira, nun acto celebrado no Museo Claustro Mercedario e no que participaron membros de ámbalas dúas entidades, ademais dos dous veciños que o encontraron.

Dende o Concello de Verín, tanto Gerardo Seoane como Diego Lourenzo, destacaron a importancia deste descubrimento "que nos mostra a historia do noso val, axúdanos a comprender a importancia xeográfica e política que representaba esta zona e nos permite dar a coñecer algo que forma parte da nosa identidade e de nós mesmos".

Gerardo Seoane, alcalde da vila, aproveitaba o acto de presentación para anunciar que o Concello de Verín, en colaboración coa UVIGO, realizará no vindeiro ano unha intervención arqueolóxica baixo o amparo do actual convenio marco entre as dúas institucións, co obxectivo de investigar e coñecer mellor estas evidencias arqueolóxicas e valorizar o conxunto.

Castelo Cabreira_presentación achado_menospesoO Museo Claustro Mercedario acollía, esta mañá, o acto de presentación do descubrimento da localización do Castelo de Cabreira.

No acto celebrado esta mañá para anunciar o achado da localización do Castelo de Cabreira, estiveron presentes: Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Beatriz Comendador, coordinadora e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo, Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo e membro da área de Historia Medieval da UVIGO, Nieves Amado Rolán, arqueóloga e investigadora, Andrés Diz Domínguez, estudante de grao en Xeografía e Historia da UVIGO, e máis o alcalde e o tenente de alcalde de Verín, Gerardo Seoane e Diego Lourenzo.

O coñecido como castro das Quintas coincide coas trazas materiais da fortificación...