miércoles. 24.04.2024
Andrés Gonzalo, Manuel Baltar, José Antonio Quintas e Nacho Sola, na presentación de "Caminos de Tierra".
Andrés Gonzalo, Manuel Baltar, José Antonio Quintas e Nacho Sola, na presentación de "Caminos de Tierra".

O documental Caminos de tierra xa ten data de estrea, será o vindeiro xoves, 30 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Ourense. Os espectadores poderán coñecer o resultado deste proxecto no que tres mozos verinenses viviron a aventura de promocionar Ourense nunha viaxe por Europa cunha caravana autosostible para demostrar o potencial das enerxías renovables e o atractivo turístico da provincia ourensá. A sala de prensa do Pazo Provincial de Ourense acolleu a presentación do documental, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o responsable de marketing dixital do documental, Nacho Sola; o condutor e técnico deportivo, Andrés Gonzalo; e o produtor, José Antonio Quintas.

Este documental é "un produto experiencial importante e único, unha magnífica ventá da provincia de Ourense que ten tódolos compoñentes que procuramos desde o principio: a súa internacionalidade, o dinamismo que proxectan os tres protagonistas, e as ganas de compartir, a través dunha vivencia como esta, os milleiros de experiencias que se poden vivir nunha provincia como a nosa", explicou o presidente da Deputación de Ourense.

Polo súa parte, José Antonio Quintas agradeceu á Deputación por "formar parte e crer desde o primeiro momento en que este proxecto podía ser posible porque era moi ambicioso rodar un primeiro documental integramente con equipos cargados con enerxía solar". Para elo, a caravana empregada na aventura é un modelo de 1986 que foi restaurada e equipada por paneis fotovoltaicos con capacidade para cubrir as necesidades de electricidade da aventura e que está rotulada con algunhas das imaxes máis representativas de Ourense.

O resultado desta viaxe é unha produción que aglutina "turismo, poñendo a Ourense á cabeza entre as cidades máis representativas de Europa as cales poderemos ver na película, e tamén temos esa parte de aventura onde tres verinenses recorren Europa durante 45 días, dando visibilidade a como Ourense contribúe coa sostibilidade" explicou José Antonio Quintas.

Esta viaxe promocional, que conectou esta Galicia coa Galitzia polaca, discorreu por 11 países (España, Francia, Mónaco, Italia, Austria, Hungría, Polonia, República Checa, Alemaña, Países Baixos y Bélxica), en 45 días co obxectivo de poñer en valor e deixar testemuña do potencial das enerxías renovables aplicadas ao transporte e do atractivo turístico da provincia de Ourense.

Tres verinenses protagonizan o documental "Caminos de tierra"