Dos 2.880 citados, acudiron ao toural a recoller o kit para a mostra 2.007 persoas

Un de cada tres verinenses citados deulle as costas ao Sergas no primeiro día do cribado

Recollida de mostras no toural de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Un 69,69 por cento. Esa é a porcentaxe de verinenses que acudiron hoxe ao toural para recoller o kit das mostras de saliva. Dos 2.800 citados, achegáronse ata alí 2.007 persoas. 

O Sergas vén de facer públicos os datos da primeira xornada do cribado masivo organizado en Verín para detectar asintomáticos na poboación. Segundo informaron, dos 2.880 verinenses que estaban este domingo citados para recoller o kit da mostra de saliva, acudiron 2.007 deles, ou o que é o mesmo, un 69,69 por cento dos que estaban convocados si que acudiu á chamada dos profesionais sanitarios. 

O rexedor local, Gerardo Seoane, esta mañá no toural de Verín. | FOTO: Iván Iglesias.

Gerardo Seoane, o rexedor municipal, valorou con certo pesimismo os datos da primeira das xornadas: "Están por debaixo da media doutras localidades, entendo que o día non animaba a saír da casa, pero supoño que os cidadáns saben que canta máis participación rexistremos, moito máis fiable será o resultado da mostra que se está a realizar", asegurou o alcalde de Verín, un dos primeiros esta mesma mañá en achegarse ás carpas instaladas no vello toural verinense.