luns 06.07.2020
O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia achegouse á vila para explicar á cidadanía as liñas mestras da súa política sanitaria

Caballero: "Veño a Verín para que este hospital sexa a bandeira do noso compromiso coa sanidade pública"

Acompañado pola plana maior da súa formación na provincia, polos cabeza de lista por Ourense, o rexedor verinense e membros da executiva local, Gonzalo Caballero, o líder do PSdeG-PSOE e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, desprazouse hoxe ata Verín para facer do hospital comarcal o abandeirado do seu compromiso por unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade, de ser presidente
Gonzalo Caballero, coa súa cúpula do partido en Ourense. | FOTO: Noelia Caseiro.
Gonzalo Caballero, coa súa cúpula do partido en Ourense. | FOTO: Noelia Caseiro.

O secretario dos socialistas de Galicia, Gonzalo Caballero, acompañado do seu homólogo provincial en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; dos candidatos por Ourense ao Parlamento de Galicia, Marina Ortega e o verinense Juan Carlos Francisco, entre outros, así como do alcalde de Verín, Gerardo Seoane e a súa tenente de alcalde Rosario Rodríguez, deputada provincial na Deputación de Ourense, achegouse esta mañá ata as portas do hospital de Verín nun dos primeiros acto de precampaña electoral na que xa estamos inmersos para facer unha defensa pública da sanidade galega e discutir o modelo asistencial de recortes dirixido por Alberto Núñez Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia na última década. 
Caballero escolleu o hospital comarcal, que foi no derradeiro mes de 2019 e no primeiro do 2020 o abandeirado da poboación contra o desmantelamento da sanidade pública, cando o goberno popular decidira suprimir o servizo de partos, para logo rectificar despois da presión veciñal. 

"Nos 11 anos de Feijóo recortáronse máis de 2.000 millóns de euros de presuposto na sanidade pública galega e perdéronse un milleiro de camas. De todos é sabido os recortes de servizos no hospital de Verín, sen ir máis lonxe. Por iso estamos aquí, diante destas portas, para que este hospital sexa bandeira de referencia de que o noso partido ten un compromiso firme coa sanidade pública, universal e gratuíta. O PSdeG apostará por unha maior e mellor sanidade pública, por contratos estables para o seu persoal, por una aposta decidida de potenciación da atención primaria, que foi onde máis recortou Feijóo nos seus anos de goberno, facendo que a sanidade pública galega entrase na agonía na que se atopa", afirmou Caballero. 

Explicacións polas mortes de anciáns nas residencias


O líder dos socialistas galegos e candidato á presidencia da Xunta de Galicia o vindeiro 12 de xullo tamén aproveitou a visita a Verín para pedirlle publicamente a Feijóo explicacións polas instruccións que se deron aos hospitais dende a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas de que non se trasladasen aos centros hospitalarios maiores cun determinado grao de dependencia que estiveran contaminados por coronavirus, como así aconteceu. 

(Vídeo íntegro da súa comparecencia esta mañá diante das portas do hospital de Verín)

Caballero: "Veño a Verín para que este hospital sexa a bandeira do noso compromiso coa...
comentarios