Venres. 29.03.2024
O candidato dos socialistas á Xunta de Galicia foi quen concluíu o mitin da súa formación na praza García Barbón

Caballero: "Feijóo segue sendo un risco, en calquera momento volverá a recortar servizos no hospital de Verín"

Chegou con case unha hora de retraso logo dunha xornada maratoniana pero non defraudou pechando o mitin co que foi o mantra que fixo recuar ao presidente da Xunta: Verín non se pecha. Gonzalo Caballero tivo palabras de recoñecemento para os verinenses: "Sodes un orgullo para toda Galicia e o xerme da victoria contra todos aqueles que queren recortar servizos sanitarios". 

Gonzalo Caballero, logo de rematar o mitin na praza García Barbón de Verín. | Noelia Caseiro.
Gonzalo Caballero, logo de rematar o mitin na praza García Barbón de Verín. | Noelia Caseiro.

Gonzalo Caballero sentiuse gañador en Verín. O líder dos socialistas galegos pechou este mércores o mitin central da súa formación na comarca substituíndo o dedo pulgar da súa man dereita polos índice e anular da mesma en sinal de victoria e lembrándolle aos presentes "a oportunidade que non debemos deixar escapar este domingo se non queremos volver a saír ás rúas nos vindeiros catro anos a defender os dereitos que coma cidadáns nos corresponden", asegurou o líder do PSdeG. Tamén, nunha sentida e enfervorizada intervención -dixo que sempre era un motivo de satisfacción vir a Verín-, arrincou un dos aplausos máis sonoros cando se dirixiu aos presentes, pero tamén a toda a cidadanía da vila, afirmando que "sodes o orgullo de toda Galicia pola defensa que fixéstedes da sanidade pública coa vosa loita, cada vez que defendiades o voso paridoiro estabades a defender toda a sanidade pública galega e fostes o xerme dunha victoria fronte aqueles que queren recortar e privatizar os servizos públicos" e brindoulle a man ao alcalde de Verín, ao que lle dixo que "cando sexa o presidente, vou a estar contigo, vas a ter o meu teléfono aberto as 24 horas para solucionar os problemas que dende Verín se plantexen".

Sodes o orgullo de toda Galicia pola defensa que fixéstedes da sanidade pública coa vosa loita, cada vez que defendiades o voso paridoiro estabades a defender toda a sanidade pública galega e fostes o xerme dunha victoria fronte aqueles que queren recortar e privatizar os servizos públicos (Gonzalo Caballero)

Chegou tarde, cáseque unha hora, desculpouse por elo pero non tardou en gañarse o agarimo dos presentes cando lles dixo que "este era o mitin máis especial de todos os da campaña, é o mitin que simboliza a conexión dunha formación política que quere gobernar Galicia coa defensa dun dereito que é vital para todos nós, a defensa do dereito que ten que ter cada cidadán á saúde, a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade alí onde viva e con independencia das súas posibilidades económicas. Verín é o símbolo da defensa da sanidade pública que queremos para o futuro do país, é o símbolo de como a maioría progresista de Galicia fixo recuar a un presidente da Xunta indigno polos seus ataques, recortes e privatizacións á nosa sanidade pública", afirmou Caballero, para rematar a súa intervención diante dos presentes co que xa é o mantra da lexislatura de Feijóo no val e fóra del: #VerínNonSePecha, non sen antes lembrar que "Feijóo segue sendo un risco, en calquera momento pode volver a recortar servizos no hospital".

Gonzalo Caballero, asinando autógrafos, entre outros, á raíña do Entroido verinense. | FOTO: Noelia Caseiro.Gonzalo Caballero, asinando autógrafos ao remate do mitin. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Antes pasaron pola tribuna fixada na praza García Barbón da vila de Verín os cabezas de lista dos socialistas por Ourense, Marina Ortega e Juan Carlos Francisco, así como o tamén membro do PSdeG, excalcalde de Verín e subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González Afonso, e o rexedor local, Gerardo Seoane

As intencións dos outros xa as sabedes (Gerardo Seoane, rexedor de Verín, en clara alusión á política de desmantelamento dos hospital comarcais)

Gerardo Seone tivo unha intervención curta pero moi ilustrativa. Sinalou que Verín, entre outros moitos exemplos, "é un dos claros de que si poden funcionar os bipartitos", en alusión á argumentación que repite ata a saciedade Feijóo sobre as posibilidades de pactos no caso dunha maioría progresista o vindeiro 12 de xullo. Tamén foi moi expedito o rexedor dando algúns claros exemplos do que foi a aposta de Feijóo coa comarca de Monterrei e a vila de Verín: "Fixeron un parador onde xa tiñamos outro; fixeron un polígono industrial -en alusión á ampliación do polígono industrial de Pazos- onde non se vendeu ningunha parcela, ou aquel plan de Puertas de Galicia, enfocado ó turismo, onde se gastaron 2,5 millóns de euros que non se sabe cal foi o seu rendimento", apuntou Seoane Fidalgo. Concluíu o primeiro edil do Concello de Verín cun chiste -ten un amplo repertorio- no que sacou como resumo aos presentes a seguinte advertencia: "As intencións dos outros xa as sabedes", nunha referencia expresa á decisión de Núñez Feijóo de deixar o hospital de Verín sen o seu paridoiro. 

Gerardo Seoane, no mitin da praza García Barbón. | FOTO: Noelia Caseiro.Gerardo Seoane rematou a súa intervención contando un chiste. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Despois del, foi a quenda e González Afonso, o subdelegado do Goberno en Ourense, quen lembrou a súa etapa de rexedor en Verín e todas as políticas en materia social que "van no noso ADN, no ADN dos socialistas, e que foron cruciais nunha das etapas máis difíciles que a nosa sociedade vén de pasar", en referencia á crise sanitaria vivida polo COVID. 

Nós non nos avergoñamos do noso partido, non agochamos as súas siglas nin tampouco nos escondemos como fixo el nun colexio privado cando vimos a Verín (Juan Carlos Francisco)

Juan Carlos Francisco, verinense, senador e número dous da lista por Ourense, ademais de enviarlle unha cálida mensaxe de afecto ao doctor José Luis Martín, concelleiro na Corporación municipal verinense ausente polo pasamento de su pai; tivo tamén palabras de respaldo ao que é o secretario provincial da súa formación, Rafael Rodríguez Villarino, tamén presente no mitin deste mércores: "O cacique maior da provincia tente de ollo, todos os días estás sofrindo un ataque persoal comediado a través dun medio de comunicación desta provincia dicindo que estás só, e eu lle digo ao cacique que non estás só, que tes ao teu carón a todos os membros e militantes deste partido contigo porque estás denunciando todo o que hai que denunciar, por iso utilizan toda a súa rede mediática e toda a súa rede de poder para deslexitimarte, cando ti es o alcalde lexítimo de Ourense, o alcalde que merece a cidade de Ourense", insistiu Francisco Rivera. O secretario de organización provincial tamén escusou a ausencia do ministro de Sanidade do Goberno de España, Salvador Illa, que tiña previsto acudir ao mitin dos socialistas e que, posteriormente, acabou ofrecendo as súas desculpas por motivos de axenda. 

Juan Carlos Francisco, asegurando que Juan Carlos Francisco, no acto deste mércores en Verín. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Dixo de Feijóo que "agocha as siglas do seu partido, nós non nos avergoñamos do noso partido, nin nos agochamos nun colexio maior como fixo el cando veu a Verín, nós estamos moi orgullosos do noso partido e de estar con todos vós no centro da vila" e rematou a súa comparecencia lembrando dous compromisos que xa anunciara de xeito expreso neste medio: a industrialización do polígono de Tamagos e a recuperación dos servizos sanitarios perdidos no hospital de Verín. 

Marina Ortega, cabeza de lista por Ourense ás autonómicas deste 12 de xullo. | FOTO: Noelia Caseiro.Marina Ortega anunciou que os socialistas galegos promoverán 2.000 plazas en residencias públicas en catro anos. | FOTO: Noelia Caseiro.  

Foi Marina Ortega a única muller que se subiu ao estrado. A carballiñesa cabeza de lista por Ourense tivo unha exposición de marcado carácter social, na que fixo partícipe ao público do compromiso da súa formación para crear 2.000 prazas públicas de residencias nos vindeiros catro anos. Rematou Ortega pedindo o voto para a súa candidatura e lembrando que a mobilización ten que darse "este domingo se é que queremos desbancar a Feijóo da presidencia da Xunta".

Caballero: "Feijóo segue sendo un risco, en calquera momento volverá a recortar...