viernes. 19.04.2024
Plano de como poderán achegarse os nenos, no pavillón verinense, aos Reis Magos.
Plano de como poderán achegarse os nenos, no pavillón verinense, aos Reis Magos.

Debido as previsións meteorolóxicas para mañá, día no que se prevén moi baixas temperaturas, a concellería de Festexos do Concello de Verín decidiu cambiar de ubicación a cabalgata estática dos Reis Magos de Oriente prevista para o 5 de xaneiro, pasando a celebrarse no Pavillón Municipal de Deportes.

As súas maxestades de Oriente estarán presentes entre as 17:00 e as 20:00 horas no pavillón, onde recibirán a visita das familias para falar cos máis pequenos da casa e recoller as súas cartas. Os menores asistentes recibirán un agasallo moi especial da man dos seus paxes, sempre baixo un estrito protocolo de seguridade seguindo as medidas sanitarias vixentes.

Dispositivo especial de seguridade

Debido ás actuais restricións sanitarias o Concello implementará un dispositivo especial de seguridade, no que a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín serán os responsables de velar polo cumprimento das seguintes medidas:

  • Aforo limitado, uso obrigatorio de máscara (excepto menores de 6 anos tal e como di a lexislación vixente), distancia mínima de seguridade e desinfección de mans á entrada do recinto.
  • Só se permitirá a entrada de 1 adulto por menor. Ningún adulto sen menor ao seu cargo poderá acceder xa que se trata dun acto especialmente preparado para nenos e nenas.
  • A entrada será a través da rúa Irmáns Moreno e a saída cara á piscina climatizada.
  • Dentro do pavillón haberá carrís de circulación, que deberán ser respectados en todo momento.
  • En ningún momento permitirase o contacto físico coas súas maxestades, os reis de Oriente.
  • O tempo de estancia no interior será o mínimo imprescindible para poder acceder ata os reis e poder saudalos.
  • As portas estarán abertas en todo momento para favorecer a ventilación do recinto.

A cabalgata estática dos Reis Magos será no pavillón de deportes de Verín