Bruno Rúa e Carlos Callón presentarán as súas novas obras | NOTICIAS VERÍN
A localidade do Támega converterase durante esta mesma semana nun destacado espazo de encontro coa historia e a nosa memoria colectiva grazas a dúas xornadas literarias consecutivas.
O xoves 26 de febreiro, ás 19:30 horas, o salón de actos da Casa da Cultura será o escenario onde o autor Bruno Rúa exporá todos os detalles das súas dúas novas obras, tituladas Aldeas da Limia Alta e Aldeas de Conso, Frieiras e Viana. No seu primeiro volume, o investigador recolle e cataloga con precisión 318 aldeas da comarca limiá, achegando unha visión moi persoal que mestura anécdotas, descricións precisas, antropoloxía e un valioso material fotográfico.
Pola súa banda, o segundo tomo céntrase nos concellos da Gudiña, Vilariño de Conso, A Mezquita e Viana do Bolo, recompilando as historias de 125 aldeas destes municipios e abarcando tamén a comarca zamorana das Portelas para completar a panorámica dos territorios lindeiros coa Tamagania.
Ao día seguinte, o venres 27 de febreiro, tomando o relevo e repetindo o horario das 19:30 horas, a Biblioteca de Verín acollerá ao ensayista Carlos Callón, nado na vila coruñesa de Ribeira no ano 1978. O actual profesor da Universidade de Santiago de Compostela e do IES San Clemente presentará O libro negro da lingua galega, un exhaustivo ensaio da Editorial Xerais que documenta polo miúdo a represión lingüística en Galicia ao longo dos séculos.
A obra profunda en episodios acreditados como os castigos escolares rexistrados entre 1543 e 1980, as multas franquistas por "hablar al público en gallego", as inxustas inspeccións por ter un "exagerado acento gallego" e ata a negativa histórica do Consejo de Castilla para autorizar un texto en galego no 1616 ou a decisión de non imprimir as Cantigas de Santa María no século XVIII por consideralas de "extravagancia y mal gusto". Callón chega avalado polo Premio da Crítica de Investigación e o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, sumando este éxito a publicacións previas como Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e Vidas e historias LGBT da Idade Media.