O museo de Verín escolle ao "xastré" de Laza coma a peza do mes
Esta é outra das pezas coas que o concello desenvolve a súa campaña dixital, co lema ''Entroido de Verín, sempre latexando''.
O Museo Claustro Mercedario de Verín presenta, a través das redes sociais, a súa nova peza do mes: unha homenaxe á botella de xastré ou xastreu como ''musa do Entroido''. O museo destaca a súa historia e aporta un dato pouco coñecido ata o de agora, a súa etimoloxía, resultado dun estudo realizado por Luis Congil, comisario da exposición.
O seu orixe remóntase ao ano 1903, cando os monxes Cartuxos chegaron a Tarragona procedentes do Massif de la Cartreuse, nos Alpes franceses, e comezaron a elaborar un elixir a base de augardente e unha fórmula secreta de herbas, que lle confiren a cor a súa versión verde. Pouco a pouco foise comercializando baixo o nome de Chartreuse. Na comarca de Verín, desenvolveu a súa propia fórmula e adaptou o nome de xastré ou xastreu, que designa unha das herbas que se utilizan na súa elaboración.
Trátase dunha bebida alcohólica moi popular na comarca de Monterrei, principalmente no Concello de Laza, onde o seu consumo é habitual nas celebracións do Entroido e outras festividades tradicionais. A súa elaboración é caseira, a partir da mestura de augardente, azucre e oito tipos de herbas silvestres. Posteriormente, macérana durante un período de 20 días, dándolle a súa cor verde tan característica.
Esta é outra das pezas coas que o Concello de Verín desenvolve a súa campaña dixital, co lema ''Entroido de Verín, sempre latexando''. O obxectivo destas accións é apelar á responsabilidade e, ao mesmo tempo, manter vivo o espírito desta festividade.