sábado. 20.04.2024
A deputada nacionalista por Ourense na cámara galega, Noa Presas, recibiu con sorpresa a nova adiantada por DdT

O BNG pedirá explicacións no Parlamento polo aparente "axuste de contas" contra o xefe de xinecoloxía de Verín

Con sorpresa reciben no BNG provincial a nova de que hai aberto un expediente sobre un "acontecemento sen consecuencias cando non se foi quen de investigar feitos graves de violencia obstétrica", di a deputada no Parlamento por Ourense, Noa Presas, quen se pregunta se a dirección sanitaria de Ourense "non ten outra cousa que facer que axustar contas".

 

 

Diego Lourenzo, Ana Pontón e Noa Presas. | FOTO: Noelia Caseiro.
Diego Lourenzo, Ana Pontón e Noa Presas, nunha das últimas visitas ao hospital de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

 A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, vén de anunciar que pedirá explicacións ante o Parlamento de Galicia polo que "semella unha vinganza política da dirección sanitaria de Rubial contra un profesional que se significou de xeito tan público e notorio na defensa do servizo de partos no hospital público de Verín". 

Presas sinalou a Diario do Támega que a súa formación recibe "con sorpresa e alarma a noticia que veño de ler neste medio de que hai aberto un expediente sobre un acontecemento sen consecuencias cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica coa separación de bebés e nais nas primeiras horas post parto” e pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

No día de hoxe, Diario do Támega avanzaba en exclusiva que a xerencia de Ourense tería incoado un expediente disciplinario contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín, Francisco Javier Castrillo, por tratar de impedir un traslado ao Hospital de Ourense o pasado 30 de novembro.

Lembra a deputada nacionalista que "o pasado 22 de novembro de 2019 unha delegación da dirección da EOXI de Ourense, Verín e Valdeorras liderada polo xerente, Félix Rubial, comunicaba ás e aos profesionais do Hospital de Verín que a partir do 1 de decembro non se prestarían os servizos de sala de partos nin tampouco habería gardas de pediatría hospitalaria". 

Esta decisión chegaba despois dunha longa listaxe de agravios co hospital que foi contestada na rúa, tanto nunha histórica manifestación o pasado 30 de novembro de 2019, como con mobilizacións feministas convocadas o pasado 4 de decembro en numerosas localidades galegas e en constantes mobilizacións na comarca, na cidade de Ourense e cunha repulsa política xeral en Ourense e na oposición do Parlamento Galego. Finalmente, a Xunta tivo que rectificar e reabrir a sala de partos o 2 de febreiro de 2020.

Entre outros feitos, o BNG e o feminismo denunciaron no seu día, como afirma Noa Presas, "situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado".

Posteriormente sucedéronse outros acontecementos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia e tendo posteriormente ademais un deficiente trato á nai unha vez chegada ao CHUO.

Para Presas, "estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento desta envergadura contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín”.

"Parece unha presión política máis por parte da dirección de Rubial e da política da Xunta de Galiza para coartar aos profesionais e ante o cal, o BNG pedirá explicacións", rematou a deputada nacionalista Noa Presas.  

O BNG pedirá explicacións no Parlamento polo aparente "axuste de contas" contra o xefe...