O BNG denuncia na UE que a Xunta só restaurou 6.300 hectáreas tras os lumes de 2025 | NOTICIAS VERÍN
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo unha reunión de traballo oficial na Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea co obxectivo de trasladar a problemática dos incendios forestais en Galicia e denunciar que o Goberno de Alfonso Rueda incumpre de xeito sistemático a normativa comunitaria, como a Lei de Restauración da Natureza ou a estratexia sobre a xestión integrada de risco de incendios. O encontro contou coa presenza do responsable de Agricultura da executiva nacional, Xosé Manuel Puga, a deputada do Parlamento de Galicia e experta en política forestal, Montserrat Valcarce, a alcaldesa da Rúa, María González Albert, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, e o rexedor da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, xunto a técnicos forestais e representantes de bombeiros públicos.
Durante a sesión de traballo en Bruxelas, a delegación galega presentou un completo Plan de Medidas no que se recolle a urxencia de modificar o Plan Forestal de Galiza e a Lei de Montes, ademais de potenciar a estrutura en mosaico e dotar de maiores recursos de apoio aos montes veciñais en man común, unha proposta que espertou o interese da propia Dirección Xeral. Pola súa banda, os altos cargos da Comisión Europea remarcaron aos alcaldes e deputados a necesidade de poñer en marcha plans integrais de manexo de terras para acadar bosques con maior biodiversidade e máis resistentes ante o impacto do cambio climático, o que ao seu xuízo supón un modelo oposto ao da eucaliptización promovido polo Partido Popular.
A eurodeputada do BNG denunciou que o executivo autonómico mentiu á poboación de xeito consciente sobre a superficie forestal calcinada durante a devastadora vaga de lumes do ano 2025. Segundo expuxo Ana Miranda cos informes técnicos da delegación, o satélite europeo Copernicus cifrou o terreo destruído en máis de 200.000 hectáreas, o que representa case o dobre das cifras oficiais recoñecidas pola Xunta de Galicia. Neste sentido, a deputada Montserrat Valcarce alertou ante as autoridades comunitarias de que "Galiza non é unha excepción illada, senón unha advertencia importante para toda Europa sobre o que acontece cando coinciden a emerxencia climática e o abandono do territorio", engadindo que das hectáreas queimadas nesa vaga a administración de Rueda "só restaurou 6.300 hectáreas".
Fronte a esta situación, os responsables da xestión de datos do sistema satelital Copernicus anunciaron ao BNG que o seu equipo técnico atópase a traballar nunha mellora do protocolo para rebaixar de oito a tres horas a actualización de seguimento dos focos de calor e o perímetro dos lumes co obxectivo de mellorar a axilidade das alertas na comunidade. Así mesmo, o BNG avanzou que fiscalizará de xeito estrito a execución do vindeiro marco orzamentario comunitario para o período 2028-2034, no que a Comisión Europea prevé aglutinar fondos da PAC, Cohesión ou Pesca nun único plan nacional por país cunha partida de 865.000 millóns de euros baixo control do Goberno central. O Bloque esixirá que se inclúan indicadores vinculantes de financiamento para obrigar á conservación, ordenación e restauración do monte.
Os alcaldes participantes compartiron a súa preocupación polo "total desamparo e falta de medios" vivido durante os incendios e denunciaron a nula implicación autonómica na posterior rexeneración da terra queimada. A Comisión Europea coincidiu coa comitiva na necesidade de mellorar a coordinación técnica e orzamentaria entre as administracións estatal, autonómica e municipal para dar resposta de xeito conxunto a un reto de carácter ambiental que cualificaron como un "reto de civilización".