sábado 21.09.2019
A oposición baseu toda a súa alocución no informe da Intervención municipal, moi crítico coa xestión económica do Goberno

O bipartito aproba un orzamento de 10,8 millóns de euros para o Verín do 2019

O grupo de Goberno disporá de 10,8 millóns de euros para administrar no que queda de 2019. O orzamento xeral do Concello de Verín saíu adiante cos votos favorables do bipartito e tras unha tediosa pero non menos crítica intervención do líder dos "populares", que leu case de xeito literal un non menos combativo informe da Intervención municipal.

A aprobación do orzamento para o 2019 foi o punto máis importante da sesión deste 11 de xullo de 2019.
A aprobación do orzamento para o 2019 foi o punto máis importante da sesión deste 11 de xullo de 2019.

A Corporación municipal de Verín, cos votos a favor dos edís do bipartito, vén esta mesma mañá de darlle luz verde ao orzamento xeral do ano en curso, o 2019, por un importe total de 10,8 millóns de euros, e onde os gastos de persoal e as subministracións de bens correntes e servizos volven a ser as partidas máis destacadas, con 4,2 e 3,5 millóns de euros, respectivamente, quedando as inversións reducidas a 1,1 millóns de euros. Unha vez máis, como xa vén ocorrendo nas últimas sesións, a oposición cargou as tintas do seu crítico discurso contra o grupo de Goberno, baseando a súa alocución nos informes de Intervención e reiterando que a situación das contas municipais son "calamitosas e a xestión deste Executivo está colocando ao Concello nunha situación económica e financieira insostible", sinalou no seu dilatado discurso o líder do Partido Popular en Verín, Juan Manuel Jiménez Morán. 

Con todo, e sen utilizar o dereito de réplica o grupo de Goberno despois das acusacións dos "populares", o pleno ratificou unhas contas nas que se inclúen, de xeito nomeadamente destacado, varios capítulos de gasto cuestionados amplamente polo interventor municipal no informe que serviu de base para a crítica de Jiménez Morán. Así, éste, dando transcripción case literal do documento do funcionario, puxo en solfa a creación de novos postos de traballo para os que se dotan as partidas presupuestarias oportunas, como son os de coordinador de difusión patrimonial e termal (con carácter de persoal funcionario), e os de técnico de Escolas Deportivas, técnico deportivo do Ximnasio Municipal, Auxiliar de Biblioteca e Guía Museístico e de Actividades Culturais; ademais dalgúns adscritos ao recentemente creado Servizo de Medio Ambiente, dos que apuntou Jiménez que, "según lo que dice el Interventor en su informe, no lo digo yo, la creación de estos puestos de trabajo de nuevo cuño, cuyas características, niveles, titulaciones y retribuciones económicas han sido establecidas unilateralmente por el Gobierno municipal (...), hacen que exista un serio riesgo de que el Presupuesto General de este Ayuntamiento para el ejercicio 2019 sea declarado nulo por los juzgados y tribunales en el futuro (...)", sinalou o líder da oposición na súa intervención. 

Os postos precisamente contemplados no orzamento polo grupo de Goberno son, maioritariamente, os mesmos que foron levados aos tribunais por Jiménez Morán cando este tipo de esixencias de servizos estaban sendo satisfeitas mediante contratos de prestación dos mesmos e asistencias técnicas. Jiménez Morán insistiu na "ilegalidade que se está a cometer ao non estar recollidos na Relación de Postos de Traballo do Concello". 

Tamén se referiu Jiménez Morán -o único en intervir na sesión de esta mañá, ademais da secretaria municipal, que respostou a una pregunta do anterior- "ao sistemático desfase que este grupo da oposición vén comprobando entre as partidas orzamentadas e o gasto real. Nalgunhas delas, o consignado para o presente exercicio xa vai consumido e aínda queda medio ano de gasto e de recibir facturas; noutras, nin tan siquera figura contemplada a oportuna dotación presupuestaria e o Concello está a recibir facturas de gasto que non están sendo sometidas a ningún control, que, polo que di o propio interventor no seu informe, ten que ver coa falta de persoal e a total e absoluta inexistencia de medios humanos e materiais existente no Servizo Municipal de Intervención, situación á que non se lle puxo remedio ata o de agora e que vén provocando un retraso e a demora sistemática na realización de tarefas esenciais que levan a unha paralización interna do Concello", recalcou Juan Manuel Jiménez. 

Por último, o voceiro "popular" insistiu na necesidade de aprobar un plan de tesourería -"para poder cumprir os requisitos establecidos na normativa vixente en relación á prelación de créditos e ao cumprimento do periodo máximo de pago a proveedores"- e outro ecónomico e financieiro, "que conteña, como así di o interventor no seu informe, o gasto desbocado deste grupo de Goberno e o obrigue a atender os compromisos legais vixentes en materia de liquidación de exercicios económicos, polo que este Concello está perdendo moitas subvencións e achegas doutras administracións ao incumprir moitos destes preceptos legais", afirmou Jiménez Morán.  

OUTROS PUNTOS

No pleno desta mañá tamén se aprobou a colaboración que o Concello de Verín adica ao Festival Internacional de Curtas de vila, fixada en 45.000 euros, e a cesión dun terreo municipal á comunidade de montes de localidade de Ábedes.

O bipartito aproba un orzamento de 10,8 millóns de euros para o Verín do 2019
comentarios