sábado 24/10/20
Primeira Biblioteca galega en participar neste convenio

A Biblioteca de Verín súmase ao proxecto "Bibliotecas en Igualdade" impulsado pola Asociación "Clásicas y Modernas"

Clásicas y Modernas, unha asociación para a igualdade de xénero na ciencia e na cultura, firmou un convenio coa Biblioteca Pública Municipal de Verín, no que esta pasa a formar parte do proxecto "Bibliotecas en Igualdade", cuxo obxectivo é darlle unha maior visibilidade ás escritoras.

 

200309 FIRMA CONVENIO BIBLIOTECAS EN IGUALDADE IMG_8682 CMZ
Mariana Carballal -secretaria de "Clásicas y Modernas", Diego Lourenzo -alcalde en funcións-, Rosa María Rodríguez Magda -vicepresidenta de investigación e cultura da Asociación- e Aurora Prieto -responsable da Biblioteca- na firma do convenio. | FOTO: Concello de Verín.

A Biblioteca Pública Municipal de Verín súmase ó proxecto "Bibliotecas en Igualdade" promovido pola Asociación Clásicas y Modernas, converténdose na primeira Biblioteca en adherirse a esta iniciativa en Galicia.

Clásicas y Modernas é unha asociación para a igualdade de xénero na ciencia e a cultura, fundada en 2009 por mulleres profesionais da literatura, o xornalismo, a música, o teatro, o cinema... Esta Asociación nace co fin de apoiar, difundir e promover as políticas de desenvolvemento da Igualdade na creación, tanto nacional como internacional. Co proxecto "Bibliotecas en Igualdade", tentan outorgar unha maior visibilidade ás escritoras, en especial ás propias de cada comunidade, completandoo con bibliografía, en relación cos baleiros e as ausencias de obra literaria e intelectual escrita por mulleres de todos os tempos.

O convenio de adhesión da Biblioteca de Verín ó proxecto foi formalizado este luns, 9 de marzo, por Diego Lourenzo Moura, alcalde en funcións, e por Rosa María Rodríguez Magda, vicepresidenta de investigación e cultura da Asociación Clásicas y Modernas. Tamén estiveron presentes a actriz e directora, Mariana Carballal, como secretaria da asociación, e Aurora Prieto Tarrío, responsable da Biblioteca.

200309 FIRMA CONVENIO BIBLIOTECAS EN IGUALDADE IMG_1886 CMZDiego Lourenzo, Aurora Prieto, Rosa María Rodríguez Magda e Mariana Carballal este luns na Biblioteca de Verín. | FOTO: Concello de Verín.

Entre os compromisos adquiridos tras a formalización do convenio atópase activar unha mirada crítica con perspectiva de igualdade á hora de achegarnos aos andeis das bibliotecas, contribuír a dar unha maior visibilidade ás escritoras e ás súas obras, promover a adquisición de obras de lectura e consulta procurando equilibrio na autoría para reparar o esquecemento e facilitar o acceso ás novidades asinadas por homes e mulleres, ou avanzar na confección dun catálogo dixital.

Cabe salientar que a partir da adhesión ó proxecto "Bibliotecas en Igualdade", proponse lanzar unha gran campaña de concienciación, capitaneada pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coas bibliotecas das diferentes Comunidades Autónomas, destinada á recuperación e posta en valor das obras escritas por mulleres.

A Biblioteca de Verín súmase ao proxecto "Bibliotecas en Igualdade" impulsado pola...
comentarios