este lunes foi recibido o seu tenente pola edila de Recursos Humanos na casa consistorial

Un batallón militar con base no pavillón da Granxa apoiará á Garda Civil nos controis fronteirizos

Militares do Exército de terra descargan material no pavillón polideportivo da Granxa, en Verín.

Uns dez militares dun batallón do Exército de Terra apoiarán á Garda Civil nos controis de tránsito de persoas dun a outro lado da fronteira. Realizarán labores de vixiancia en vehículos e tamén a pé. Este luns fixaron a súa base de descanso no pavillón polideportivo da Granxa, en Verín

Este luns, Rosario Rodríguez, concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior de Verín, recibiu na Casa do Concello ao tenente Calixto Espigó Varela, xefe do dispositivo de fronteiras responsable da unidade do Exército de Terra que reforzará a seguridade da raia con Portugal, en colaboración coa Garda Civil.

O batallón "Zamora" 1/29 do rexemento de infantería "Isabel la católica” realizará patrullaxes a pé e en vehículo, establecerá postos nos pasos fronteirizos e controlará ao persoal e vehículos nalgunhas localidades. Todas esas actividades, sempre en colaboración coa Garda Civil.

Rosario Rodríguez quixo agradecer ao Exército de Terra, en nome de todos os verinenses e verinesas, "a grande colaboración que está a prestar o exército para axudar a manter a orde durante o estado de alarma, co firme obxectivo de erradicar canto antes a pandemia do COVID-19".

Os militares despregados fixaron a súa base para a pernocta nas instalacións do pavillón da Granxa, cedidas polo Concello de Verín.