sábado. 20.04.2024
Colexio María Inmaculada de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Colexio María Inmaculada de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A curva da Covid-19 segue en aumento e os contaxios se multiplican día tras día o que leva á configuración dunha terceira ola cunha incidencia moito maior que nas anteriores. Isto tamén se reflicte no aumento de contaxios nos centros educativos de toda a comarca e en concreto de Verín. Ante tal feito, os centros educativos do concello fixeron chegar ás familias un comunicado onde se abordaba a grave situación pola que están pasando. Dito comunicado foi asinado polos centros Taboada Chivite, García Barbón, Castro Baronceli, Princesa de España, Amaro Refojo, María Inmaculada e Mercedarios.

Na circular asinada por parte do directivos educativos, recálcase a necesidade de que todas as familias actúen con responsabilidade e extremen todas as precaucións. O obxectivo, é evitar que un único contaxio poña en risco as saúde das persoas máis vulnerables e obrigue a pechar os centros. Así o aclaraba o director do IES Xesús Taboada Chivite, César Sánchez, ''estamos vendo como noutras localidades parellas a Verín hai aulas e aulas pechadas. Aquí estamos a facelo realmente ben, a comunidade está a dar boa resposta, pero non podemos baixala garda''.

Noutras localidades parellas a Verín hai aulas e aulas pechadas. Aquí estamos a facelo realmente ben, a comunidade está a dar boa resposta, pero non podemos baixala garda (César Sánchez, director do IES Xesús Taboada Chivite)

Deste xeito, observamos como na comarca os casos non deixan de aumentar. Ademais de Verín, hai positivos en colexios de Monterrei, Oímbra e Riós.

 

A pesar de que piden ás familias compromiso para evitar máis casos de Covid-19, tamén aseguran que, no caso hipotético de que as aulas pecharan, garantirase a educación aos menores, a través de mecanismos online. Así o explicaba no comunicado, ''os plans de continxencia que temos aprobados lanzarán a aplicación dun ensino virtual baixo uns horarios determinados e cunha estrutura na que vimos traballando dende o inicio de curso, seguindo as instrucións da Consellería''. Sen embargo, esta posibilidade pode afectar tamén á conciliación das familias e incluso a súa economía.

Os plans de continxencia que temos aprobados lanzarán a aplicación dun ensino virtual baixo uns horarios determinados (Comunicado asinado por algúns centros educativos de Verín)

Finalmente, recordan que no suposto de que algún infectado acudise a clases tendo coñecemento, se estaría incorrendo nun delito de lesións por imprudencia ou neglixencia graves, que recaería directamente sobre os pais dos menores.

Os directores dos colexios de Verín piden a alumnos e familias non ''baixar a garda''...