jueves. 18.04.2024
Sete
José Javier Limia, presidente de ATRAPARVE.

ATRAPARVE, a Asociación de Transportistas do Parking de Verín, constituíuse en xullo do 2018, e tras case un ano e medio de funcionamento, esta asociación sen ánimo de lucro, segue loitando polos intereses dos seus socios. Aproximadamente son 59 socios e 66 camións. O seu presidente, José Javier Limia, coñecido por Sete, asegura que son a primeira asociación de transportistas de toda España que logra que un Concello ceda un espazo de forma gratuíta para crear un aparcadoiro.

O aparcadoiro de camións alberga 62 camións.

O aparcadoiro de camións é o maior logro que conseguiu ATRAPARVE. Cal é a situación deste a día de hoxe?

No aparcadoiro collen 62 camións, e ten 12 cámaras de seguridade, as que estamos mirando polos móviles en todo momento a directiva da Asociación. Esta compómola eu, como presidente, elixido polos socios;  Nieves Salgueiro, vicepresidenta; Primitivo González, secretario; Manuel Rúa, tesoureiro e Joaquín González, vocal.  A seguridade no aparcadoiro é boa, e a parte das cámaras, cando son días de máis risco, como o Entroido ou agora o Nadal, pomos un garda de seguridade, porque ao non estar indo e vindo nós, é bo que alguén estea pendente. Ademais, temos seguro. Coa cota que pomos cada un dos socios, mantemos e regulamos o aparcadoiro.

A parte de todo o bo que supón este aparcadoiro para todos os transportistas de Verín, xurdiu algún problema relacionado con este?

Agora temos moi deteriorado o chan por causa da chuvia, pois é de terra. Os camións sofren debido ao seu estado, e estamos negociando co Concello a ver se nos arranxan o tema do chan, porque nos coa cota que pomos non somos capaces de albergar tal obra.

O Concello decidiu prohibir o aparcamento dos camións no casco urbano de Verín, que lle pareceu esta medida aos transportistas de Verín?

Fixémoslle ver ó alcalde que somos unha das principais fontes de ingreso hoxe en Verín, porque aquí non hai industria. Nós aportamos aproximadamente entre 17 e 18 millóns de euros anuais brutos á facturación en Verín. Entón, cando o Concello tomou esta medida, nós dixémoslle ao alcalde que estábamos de acordo coa súa decisión, pois somos máis de 200 transportistas. Pero fixémoslle ver que se nos quitan de Verín, teñen que darnos un sitio seguro e vixiado. Evidentemente escoitounos. Primeiro mirouse de facer un aparcadoiro na Avenida de Castilla, pero os veciños non estaban moi de acordo entón pareceunos ben que nos levara ata onde está o recinto agora, na Avenida de Portugal.

Como xurdiu a Asociación?

Aos transportistas de Verín facíanos falta unha asociación aquí en Verín. Nós estábamos metidos en APETAMCOR, a Asociación de Transportistas de Ourense, pero quédanos lonxe e tampouco é que represente os intereses dos transportistas de Verín, que somos todos autónomos. Entón, constituímos esta asociación.

Que iniciativas levan a cabo dende a Asociación e en que beneficia esta aos seus socios?

Nós promovemos a importancia de que a xente estude e se faga transportista sen depender de ninguén, é dicir, que non haxa que aportarlle o título a ninguén para que poida traballar. Dende ATRAPARVE queremos iso, que a xente se prepare e saque o título para poder traballar de forma autónoma, sen depender de ninguén. De feito, este ano demos un curso de CAP (Curso de Adaptación Profesional) na autoescola Apto de forma gratuíta, o que hai que renovar cada cinco anos. Ademais, tamén estamos promovendo que as mulleres veñan ó sector do transporte, sobre todo as dos transportistas, por iso imos dar un curso gratuíto para que quiten o carné na Rúa.

A asociación benefícianos en temas de descontos. Por exemplo, temos acordos con empresas que nos botan combustible profesional. Tamén imos mirar se algunha empresa nos pode vir a polas rodas nunha furgoneta móbil para non ter que mover os camións, pois o tacógrafo obríganos a facer descansos ininterrompidos.

Dende ATRAPARVE queremos iso, que a xente se prepare e saque o título para poder traballar de forma autónoma, sen depender de ninguén (Sete, presidente de ATRAPARVE)

Todos os transportistas de Verín están integrados na Asociación e no aparcadoiro exclusivo de camións?

Hai moita xente que está na Asociación pero non no aparcadoiro. Ben porque teñen prazas de garaxe privadas ou ben porque non hai sitio onde aparcar. Estamos esperando a ver se se amplía o aparcadoiro en 14 prazas para que poidan entrar os que non collen. O Concello dixo que ía amplialo en breve, pero non sabemos cando. Nós estamos dándolle servizo como podemos. En canto vexo polas cámaras que hai sitios libres, dígolles que entren para que aparquen, pero claro, evidentemente a xente quere a súa praza dentro do parking.

Que proxectos hai para ATRAPARVE no futuro?

O alcalde, Gerardo Seoane, díxonos que posiblemente nos ía cambiar o aparcadoiro de lugar dentro de catro anos, aproximadamente. Levaríao ao lado da autovía. Para nós iso sería fundamental, porque hai que mirar polo futuro na profesión e para o crecemento de Verín.

Hai unha slogan que di “Verín medra contigo”, entón, se tanto queremos que medre, nós o que tratamos é que os camións se vexan dende a autovía. Tendo o aparcadoiro ao lado da autovía, vese que hai movemento en Verín, e así, haberá empresas que queiran vir aquí, e detrás dunhas veñen outras, entón a nós interésanos pór o aparcadoiro ao lado da autovía. Estar onde nos vexan, en definitiva. Ademais, Verín é unha boa ubicación. Nós damos servizo ó norte de Portugal e a toda Galicia. Sería importante que nos viran, porque a partir de aí, cuestionaríanse vir ata aquí.

Se finalmente o Concello nos cambia de sitio, tamén temos pensado falar con algunha empresa para que nos monte un lavadoiro de camións, algo fundamental.

A nós interésanos pór o aparcadoiro ao lado da autovía. Estar onde nos vexan, en definitiva (Sete, presidente de ATRAPARVE)

Para rematar, ATRAPARVE foi unha boa idea?

Si, estamos moi contentos coa Asociación. Agora, o único problema que temos, como xa dixen, é a mala situación do chan do aparcadoiro. Necesitamos que o alcalde busque algunha forma de solucionar isto porque a cousa está agravándose e a xente queixase moito.

Sete: "Somos unha das principais fontes de ingresos hoxe en Verín"