xoves 13/08/20
o colectivo contactou con varias sociedades de pediatría nacionais e internacionais para comunicarlle a oferta

A asociación galega de matronas búscalle pediatras a Feijóo para o hospital de Verín por España e polo mundo

Unha muller, no que é sin dúbida o mellor momento da súa vida, o parto. | FOTO: Asociación Galega de Matronas.
Unha muller, no que é sin dúbida o mellor momento da súa vida, o parto. | FOTO: Asociación Galega de Matronas.

Nun comunicado remitido este domingo, a Asociación Galega de Matronas, logo de criticar aberta e públicamente "o acontecido este xoves co inmediatro traslado do cativo que naceu no paridoiro de Verín", anunciou que xa contactou con varias sociedades científicas de pediatría espalladas por España e o mundo para ofertarlles a praza de pediatra vacante no hospital de Verín, facéndose eco das declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cando asegurou que se algún profesional de Pediatría se presentaba de inmediato sería contratado "antes de comer". 

"Despois das declaracións a medios de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, nas que mencionou que no caso de atopar pediatras se lles contrataría e valoraríase a reapertura do servizo de partos en Verín, desde a AGAM decidimos aportar o noso gran de area. Así, co obxectivo de velar pola saúde reprodutiva de todas as mulleres galegas e os seus bebés, incluídas as do rural galego, estamos a contactar coas principais sociedades pediátricas a nivel nacional e internacional, para informarlles sobre os postos vacantes da especialidade de pediatría no Hospital de Verín. Agardamos que dalgún xeito, se consiga atopar profesionais para que volte a funcionar este servizo fundamental para a poboación da Galicia rural", di textualmente o comunicado emitido polo colectivo galego de matronas. 

O primeiro é non facer dano

A asociación de matronas tamén envía unha clara mensaxe de rexeitamento das decisións que se tomaron na noite do mércores ao xoves desta semana e que remataron co traslado do recén nado aos poucos minutos de nacer e estando aínda no peito da súa nai. "É moi grave o que aconteceu esta semana en Verín. Ademais da improvisación en canto ás xestións e responsabilidades dos profesionais involucrados, vulnerouse un dos principios fundamentais da medicina: "primum non nocere" ou o primeiro é non facer dano. Como matronas e en base á evidencia científica actual sabemos que separar a un bebé recén nado en bo estado de saúde da súa nai vulnera totalmente este principio", sosteñen dende AGAM.

É moi grave o que aconteceu esta semana en Verín. Ademais da improvisación en canto ás xestións e responsabilidades dos profesionais involucrados, vulnerouse un dos principios fundamentais da medicina: "primum non nocere" ou o primeiro é non facer dano

Para rematar, insisten en que Manuel, que así se chama o último cativo nado no paridoiro de Verín, puido quedar "ao coidado de especialistas, matronas, que poderían acompañalo e velar porque todo transcorrera correctamente ata que ambos, nai e fillo, puideran ser trasladados a Ourense, minimizando así os riscos para a saúde de ambos", conclúen. 

A asociación galega de matronas búscalle pediatras a Feijóo para o hospital de Verín...
comentarios