Concentración ante a sede da EGAP en Santiago de Compostela

A Asociación Galega de Matronas amosa o seu rexeitamento ao peche do paritorio de Verín

Concentración na EGAP, en Santiago de Compostela, da Asociación Galega de Matronas

Este martes, 26 de novembro, ás 15:45, diante do edificio da Escola Galega de Aministración Pública -EGAP-, en Santiago de Compostela, realizouse unha concentración para loitar por unha Sanidade Pública de calidade para todas as mulleres galegas, tamén as do rural, e pola dignificación do colectivo de matronas. A Asociación Galega de Matronas rexeita o peche do paritorio de Verín.

Con motivo da celebración das XIII Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva que se celebraron na Escola Galega de Administración Pública -EGAP- de Santiago de Compostela, a Asociación Galega de Matronas animou á xente a concentrarse na entrada do edificio, hoxe, ás 15:45 horas para protestar pola decisión, tomada pola Xunta de Galicia, de cerrar o paritorio do Hospital comarcal de Verín e reclamar a continuidade deste servizo.

Concentración para loitar por unha Sanidade Pública de Calidade.

A Asociación Galega de Matronas instou ao Goberno galego a asumir o compromiso de garantir os servizos e a calidade sanitaria para todos os galegos, sen prexuízo do seu lugar de residencia. O colectivo censurou que se emita "información nesgada" sobre este servizo previo ao seu peche e deixou claro que "parir en Verín sempre foi e segue sendo seguro". A Asociación insiste en que en ningún momento a asistencia ás mulleres e aos recentemente nacidos no Hospital fora perigosa.

Un dos factores que a evidencia científica apunta como moi importante de cara á seguridade nun parto é a calidade de atención e o cociente de matronas por muller do hospital, e en Verín hai un cociente dunha matrona por muller, cuestión que, xunto coa proximidade da poboación ao hospital, se traduce en calidade e seguridade asistencial (Asociación Galega de Matronas)

As matronas tamén recalcaron que o Sergas non pode alegar que o peche se deba ao perigo por non contar coa profesionalidade do persoal sanitario do paritorio, cando estes están obrigados a manter actualizados a todos os seus traballadores, favorecendo e facilitando a formación continua.

A falta de seguridade para os usuarios non é a causa real do peche. A ausencia de pediatras, xunto cun interese dende hai moitos meses de que cada vez houbese menos nacementos en Verín, propiciaron que se chegase ao momento de tomar a decisión de prescindir do paritorio (Asociación Galega de Matronas)

En definitiva, as matronas están a reivindicar o seu traballo, e xa non só con concentracións e protestas en Verín, senón que esta vez, a Asociación Galega de Matronas manifestouse en Santiago de Compostela para amosar a súa desconformidade fronte a decisión do Goberno galego do peche do paritorio do Hospital de Verín.