Xoves. 28.03.2024
Unha voluntaria da Biblioteca Municipal de Verín, nunha das súas actividades de manualidades.
Unha voluntaria da Biblioteca Municipal de Verín, nunha das súas actividades de manualidades.

Novamente a Biblioteca de Verín, co seu proxecto "Voluntariado Cultural para o fomento á lectura" é recoñecido poñendo á institución verinense no máis alto das prácticas bibliotecarias. Desta banda foi a American Library Association, a máis antiga e importante do mundo, que este ano 2020 buscaba destacar o valor das bibliotecas na promoción da xustiza social e a inclusión, que seleccionou 36 proxectos de todo o mundo, entre os que escolleu tamén o de Verín.

A doutora Grace Yan Liu, Copresidente do Comité de Conexións Internacionais do IRRT -pertencente á Asociación Americana de Bibliotecas- notificoulle á Biblioteca de Verín a súa selección, así coma a exposición pública do seu proxecto no Congreso Internacional de Chicago (Illinois – Estados Unidos) que íase celebrar do 25 ao 30 de xuño, e que anualmente congrega máis dun millón de persoas. Estaba previsto que a Biblioteca de Verín estivera presente en devandito evento, que por mor da pandemia provocada pola COVID-19 foi suspendido e realizarase de xeito virtual, coa exposición dunha fotografía de gran formato (2x2 metros) xunto cunha explicación do proxecto.


Segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, "esta nominación é una nova proba de que Verín é o verdadeiro peso pesado da cultura do sur de Galicia. No centenario da Xeración Nós, o que queda claro é que o motor cultural da provincia de Ourense desprazouse para o sur", asegurou o rexedor verinense.

No centenario da Xeración Nós, o que queda claro é que o motor cultural da provincia de Ourense desprazouse para o sur (Gerardo Seoane)

Tamén se referiu ao convite a edila Emilia Somoza: "Como xa estamos afeitos, a nosa Biblioteca Municipal obséquianos cun novo e importantísimo recoñecemento á gran labor desempeñada durante estes últimos anos polos seus profesionais. Desde o Concello de Verín reiteramos o noso compromiso coa cultura en todos os seus ámbitos, xa que un pobo que lé é un pobo con futuro", salientou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza.

Entre as mellores do mundo

Entre as bibliotecas seleccionadas este ano que contan cas mellores prácticas do mundo, atópanse outras entidades de importancia coma Ferguson Library (Stamford), State Library of Queensland (Australia), Helsinki Central Library Oodi (Helsinki, Finland), West Vancouver Memorial Library (British Columbia, Canada), Zentral und Landesbibliothek Berlin (Alemania), Charles Evans Inniss Memorial Library University of New York (Brooklyn, New York), University of Victoria Libraries (Canada) e nove proxectos españois engadido ao da Biblioteca Pública Municipal, sendo a única de entidade municipal e menor tamaño e capacidade.

A asociación americana de bibliotecas recoñece a labor da verinense e convídaa ao seu...