jueves. 25.04.2024
Entrada ao Auditorio Municipal de Verín, sede do Conservatorio.
Entrada ao Auditorio Municipal de Verín, sede do Conservatorio.

O CMUS de Verín xa está preparado para retomar a rutina e dar comezo ao novo curso escolar. Farao co inicio das clases o vindeiro mércores día 15, cuxo programa será presentado hoxe ás 20:00h no Auditorio Municipal. Será o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, quen presente ao profesorado, que conta con varios rostros novos, e ao equipo directivo, do que, tal e como puido saber Diario do Támega, se desvincula o ata o de agora director Álvaro Blanco.

Tamén comparecerá Miguel Ángel Guerra, xefe de estudos en funcións e director da Banda do Conservatorio -que previsiblemente será o novo director-, que compartirá o programa de materias de ambos graos, elemental e profesional; e o mestre de guitarra -e futuro xefe de estudos-, José Manuel Salgado, que expoñerá o protocolo Covid-19 a seguir. Por mor da pandemia, “foi citado soamente un pai por unidade familiar”, confirmou Guerra, polo que a estrea dos alumnos será o mesmo día do inicio das clases.

Despois do acto, terá lugar a elección de horarios, na que cada un deles deberá escoller que hora de clases individuais en materias de especialidade prefire, en función da dispoñibilidade de cada profesor.

Máis alumnos

O aumento de matriculacións foi salientable con respecto ao ano pasado. O total de alumnos para este curso é de 74, dos cales dez son expedientes novos. Tamén, como novidade, “abrimos segundo curso de grao profesional”, destaca Guerra. Todos os alumnos que o ano pasado comezaran os seus estudos profesionais, poderán continuar a súa formación con este novo axuste.

NOTICIAS VERÍN | Arranca o novo curso do Conservatorio con máis alumnos e unha nova...