viernes. 19.04.2024
O documental de Plácido Romero que homenaxea a Enrique Gómez Pato.
Cartel co que se anuncia o documental de Plácido Romero que homenaxea a Enrique Gómez Pato.

O polifacético Enrique Gómez Pato rematou afincado en Verín e deu a coñecer a vila en diferente medios de comunicación, desenrolando, principalmente nos anos cincuenta e sesenta do pasado século, unha importante obra como dramaturgo, xornalista, poeta e humorista. Os que o coñecían recalcan a súa humildade e o seu afán por facer de Verín un lugar mellor.

Todos recordan a Pato entre risos e anécdotas que se fan difíciles de crer para a época na que lle tocou vivir, pero así era Pato, unha persoa inesquecible. Este luns, 30 de decembro, no salón de actos da Casa da Cultura ocupáronse todas as butacas para visualizar o documental do cineasta Plácido Romero, Conversas e petiscos de Pato. Esta homenaxe coincide co corenta aniversario do falecemento de Pato, a quen Verín por fin lle dá o recoñecemento que se merece, a través dun conxunto de actividades coas que se pretende rememorar a figura deste personaxe e poñelo en coñecemento daquelas persoas máis novas que non tiveron a oportunidade de conversar con Pato ou simplemente cruzarse co seu peculiar andar polas vellas rúas daquel Verín tan triste, ó que o humorista lle daba un pouco de cor.

Presentación do documental Conversa e Petiscos de Pato, na Casa da Cultura.

A cita foi unha oportunidade para rescatar a nosa memoria e acercarnos un pouco máis a este verinense entrañable a través dun documental que nos trasladou ao Verín dos anos cincuenta. Conversas, teatro, coplas, imaxes daquel pasado que se ve tan lonxe no tempo e, sobre todo, moita nostalxia e humor, son os pilares fundamentais de Conversas e petiscos de Pato, o documental de Plácido Romero premiado á Mellor Curtametraxe Documental no Festival RIR de Allariz deste 2019.

O público experimentou sensacións como risos, suspiros e ata unha viaxe no tempo no salón de actos da Casa da Cultura este luns, para rematar o documental cunha frase que dicía que Pato "animounos a ser mellores, rirnos de nós e axudar ós demais". De seguido, viñeron os longos e merecidos segundos cargados de aplausos e sorrisos nas caras da xente. A cita rematou cun coloquio sobre o documental e o seu protagonista e cunha sorpresa que sacou os sorrisos de todos os presentes. O Fanfán, verinés ben coñecido por todos, recitou unhas coplas de Pato que perduran no tempo grazas ó boca a boca da xente, pois non existe un documento gravado con ditas verbas.

Plácido Romero recorda a Pato co seu documental "Conversas e petiscos de Pato"