viernes. 19.04.2024
José Ángel Rodicio, xerente de Aever, explica a campaña Bonos Activa Comercio.

Dende hai unha semana xa están en funcionamento os Bonos Activa Comercio que a Xunta de Galicia, coa Federación Galega do Comercio e as Asociacións Provinciais, lanzou para activar o comercio local e de proximidade. "Estame a chamar moita xente para que lle axude a descargalo, tanto clientes como empresarios, cremos que vai ter éxito aínda que quedan moitos dispoñibles. Despois da pandemia quedamos moi tocados e é unha forma de impulsar e incentivar un pouco as vendas", asegura José Ángel Rodicio, xerente da Asociación de Empresarios de Verín -Aever-.

Son bonos con 30 euros de desconto que se aplican en función do importe da compra. En compras de entre 30 e 49,99€, descóntanse 5€; en compras de 50€ ou máis, o desconto é de 10€ (José Ángel Rodicio)

De todos os comercios da vila xa son 67 os que están adheridos á campaña e moitos veciños xa se están a beneficiar dos seus descontos. Forman parte das máis de 75 mil persoas que, en toda Galicia, xa se fixeron co seu bono. Dende Aever móstranse optimistas e cren que o número se vai incrementar nos próximos días. Lembran que todos os bonos teñen unha validez de tres meses, polo que poderán ser utilizados ata o próximo día 3 de agosto en tódalas tendas físicas, non así no comercio en liña. 

Como se solicita?

Os usuarios poden ser tódalas persoas maiores de idade residentes en Galicia. O proceso de descarga, que é moi sinxelo e intuitivo, lévase a cabo na páxina web que a Xunta habilitou para estes efectos. Unha vez dados de alta na páxina web, o usuario vai dispoñer do bono en forma de código QR, que poderá utilizar directamente dende o seu dispositivo móbil. Cada bono é persoal e está vinculado ao documento nacional de identidade polo que cada beneficiario contará cun único bono de desconto.

 

Os establecementos comerciais que aínda non se inscribiran e desexen facelo, poderán rexistrarse a través da mesma páxina web que os clientes, cun prazo establecido ata o próximo 15 de maio. Solicitada a tarxeta por parte dos establecementos, a axuda enténdese como preconcedida e estará soamente condicionada pola totalidade do crédito. Desta volta destinouse un investimento total de 10 millóns de euros repartidos entre toda a comunidade autónoma. Todos os comercios adheridos están correctamente identificados co distintivo da campaña.

Teñen que rexistrarse, cubrir unha serie de datos da súa empresa. É importante que teñan a man o número de conta e miren ben a epígrafe . Nela recóllense os grupos de empresas que poden acollerse a esta axuda, polo tanto é esencial que estean dados de alta nalgún deles (José Ángel Rodicio)

 

Como funciona?

Para facer efectivos os descontos, o comerciante deberá ter descargada no seu sistema a aplicación dos Bonos Activa Comercio. Unha vez que o cliente mostre o seu código QR, o comerciante introduce o importe inicial e o concepto de venda. Automáticamente a app aplica o desconto e calcula o prezo final que o cliente terá que pagar. 

Pero entón, que ocorre co importe do desconto que o comercio deixa de ingresar? Ao longo dos seguintes 7-10 días recibirá o reembolso por parte da Xunta de Galicia a través de Abanca, a entidade pagadora.

NOTICIAS VERÍN | Éxito da campaña Bonos Activa Comercio en Verín na súa primeira semana