xoves 04.06.2020
o xerente da asociación de comerciantes de Verín asegurou que traballan arreo para poder tela lista en semanas

Aever proxecta unha plataforma de vendas online onde cada socio terá o seu propio escaparate

Aever porá en marcha, contando cun proveedor tecnolóxico local -Senda Dixital-, unha plataforma de vendas online onde todo aquel asociado poderá expor os seus produtos para poder vendelos na rede. Sairán cara o seus destinatarios a través de empresas de mensaxería local. 

José Ángel Rodicio (esquerda), xerente de Aever, co seu presidente, Santos Álvarez. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
José Ángel Rodicio (esquerda), xerente de Aever, co seu presidente, Santos Álvarez. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A asociación de comerciantes de Verín, Aever, está traballando na posta en marcha dun grande centro comercial virtual do que formarán parte todos os asociados do colectivo que así o soliciten e no que cada tenda física da vila terá tamén o seu propio escaparate nesa páxina para poder vender os seus produtos na rede. Así o asegurou José Ángel Rodicio, xerente do colectivo, quen explicou que esa plataforma, que xa elabora unha empresa de programación local -Senda Dixital- será "como as que podemos atopar en Internet, integrando o pago e o envío, que se fará contando coas empresas de mensaxerías locais. Estará enfocada, fundamentalmente, ao público local, é dicir, unha persoa de Videferre (Oímbra), non terá porque mercar roupa nun maiorista con sede en Madrid ou Barcelona, poderá mercala nun comercio de Verín e terá as mesmas comodidades que tería se a mercase por Internet fóra daquí", adianta Rodicio. 

O responsable executivo de Aever convida a todos os asociados a que se decidan a participar no proxecto, "que nos permitirá incluso poder venderlle a moitos dos nosos paisanos que se atopan na emigración ou noutros puntos da península, sabendo que coa súa compra estarán axudando ao comercio da súa terra", afirmou José Ángel Rodicio. 

Aever proxecta unha plataforma de vendas online onde cada socio terá o seu propio...
comentarios