Haberá un cheque de 2.000, un de 1.000 e seis de 500 euros

Aever pon en marcha hoxe a campaña de Nadal con 6.000 euros en premios por mercar en Verín

María Isabel González, José Ángel Rodicio e Santos Álvarez, na presentación da campaña "Os 6.000 de Verín". | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Mercar en Verín sempre ten premio, e ata o 26 de decembro e dende hoxe, máis. Os comerciantes da vila repartirán 6.000 euros nos vindeiros dous meses en oito cheques, o maior de 2.000

Mercar en Verín terá premio, o maior das últimas décadas que organiza a asociación de empresarias e empresarios da vila, Aever. 137 comerciantes participan na campaña "Os 6.000 de Verín", co que premiarán, de xeito colectivo, as compras que ata o vindeiro 26 de decembro deste 2020 se realicen nos establecementos asociados. 

Participar será moi sinxelo. Bastará con mercar na vila e solicitar unha ou varias das papeletas que, polo importe da compra e segundo o criterio do titular do establecemento, lle corresponda. Antes de saír da tenda, ou comodamente na casa, deberá cumplimentala de xeito claro e introducila nalgunha das furnas que estarán repartidas por todos os comercios

Imaxe da furna que se atopará nos 137 establecementos participantes na campaña. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Os premios, no seu conxunto, serán os maiores que se teñan entregados na historia recente de Aever. Un cheque de 2.000 euros, outro de 1.000 e seis de 500 sortearanse, ante notario, o día 30 de decembro de 2020 e a condición -como non pode ser doutro xeito- será a xa coñecida: gastar os cartos nos establecementos asociados antes do día de Reis de xaneiro do 2021.

A campaña presentouse esta mesma mañá na sede de Aever, e contou coa presenza da concelleira de Comercio, María Isabel González; o xerente do colectivo empresarial, José Ángel Rodicio, e do seu presidente, Santos Álvarez

Rodicio destacou o difícil momento que está a vivir o comercio local e a necesidade "de que todos rememos na dirección de mantelo e apostar polas compras na vila, iso si, apelando sempre a manter a responsabilidade para combatir a pandemia que estamos a sufrir", sinalou. Rodicio tivo tamén unha mensaxe de apoio "a todos os que están a padecer a enfermidade e a todas esas familias da vila e da comarca que, por culpa dela, perderon a un ser querido", apuntou.