AEVER, entre os 5 centros comerciais abertos de Galicia seleccionados para campañas extraordinarias da Xunta | NOTICIAS VERÍN
O Centro Comercial Urbano AEVER de Verín é un dos cinco centros comerciais abertos de toda Galiciaseleccionados pola Xunta para desenvolver campañas de dinamización extraordinarias no marco das axudas aos CCA de 2026. Así o deu a coñecer o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, nunha reunión coas entidades beneficiarias celebrada en Santiago de Compostela.
As cinco propostas seleccionadas —as mellor valoradas entre os 56 centros comerciais abertos apoiados en toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 millóns de euros— recibirán unha achega autonómica total de case 100.000 euros como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio. Os cinco CCA seleccionados son os de Boiro, Marín, Redondela, Viveiro e Verín.
No caso de AEVER, a asociación impulsará na primeira semana de outubro a "Gala do Comercio Local de Verín", un evento co obxectivo de recoñecer e poñer en valor o tecido comercial como parte da memoria colectiva e da vida cotiá da vila. A proposta busca celebrar tanto os negocios consolidados como os novos, promovendo a innovación, visibilizando boas prácticas e motivando os comerciantes a seguir mellorando os seus proxectos.
A gala combinará espectáculo e música en directo coa entrega de premios en diferentes categorías: traxectoria, dinamización comercial, innovación, profesionalización e un premio do público. Entregaranse tamén premios vinculados a tíckets de compra, permitindo aos consumidores participar e gañar recoñecementos ou vantaxes adicionais por apoiar o comercio local.
As campañas enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e perseguen dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio como motor socioeconómico.