domingo 19.01.2020

Kelly Pereira: "O noso traballo consiste en apoiar, informar e orientar"

Kelly Pereira é a responsable da oficina da Asociación Española contra o Cancro de Verín, situada na antiga Praza de Abastos. A traballadora social asegura que o seu traballo consiste -entre outras cousas- en apoiar á persoas que teñen relación co mundo oncolóxico.

 

Oficina da AECC na Praza García Barbón de Verín | FOTO: Xosé Lois Colmenero
Oficina da AECC na Praza García Barbón de Verín | FOTO: Xosé Lois Colmenero

Kelly Pereira é traballadora social e a encargada da oficina que abriu recentemente a Asociación Española contra o Cancro en Verín, a principios de novembro, na Praza García Barbón, concretamente na que era a Praza de Abastos antigamente. O papel desta oficina é importante para á poboación de Verín, xa que todo aquel que, por diversos motivos, teña contacto co mundo oncolóxico, poderá apoiarse na AECC.

Kelly Pereira, responsable da oficina da AECC en Verín.Kelly Pereira, responsable da oficina da AECC en Verín.

Estudou Traballo Social, por que?

O Traballo Social é fundamentalmente vocacional no meu caso. Decidín estudar Traballo Social para poder axudar a mellorar, na medida do posible, a vida das persoas e poder proporcionarlles ferramentas para acadar un benestar social.

Ser traballadora social, a veces implica ter que enfrontarse a situacións complicadas. Que é o máis impactante do seu traballo?

Non sería capaz de acoutar o impactante. Somos profesionais, pero ao mesmo tempo non deixamos de ser persoas con sentimentos. Hai moitos casos que nos impactan por diferentes motivos. Se tivera que quedarme con algo impactante, sería quizais, cos casos de oncoloxía pediátrica.

Como en todos os traballos, hai partes máis positivas e partes máis negativas, que é o que máis e o que menos lle gusta?

Unha das cousas que máis me gustan da miña profesión é o trato coas persoas, apoialos nos momentos difíciles e escoitalos. Pola contra, o que menos me gusta, quizais sexan os trámites burocráticos que este traballo implica. A pesar disto, somos conscientes de que son necesarios.

Que supón para a Asociación Española contra o Cancro abrir unha oficina en Verín?

É un logro total e absoluto para a AECC dispor dunha oficina no Concello de Verín, xa que é unha das vilas con maior poboación da provincia e, ademais, conta cun Hospital onde se recibe tratamento oncolóxico.

É un logro total e absoluto para a AECC dispor dunha oficina no Concello de Verín (Kelly Pereira, traballadora social na AECC)

En Xinzo de Limia abriron unha oficina cara o mes de xuño. Como está a funcionar?

A actividade en Xinzo leva poucos meses funcionando, e xa tivemos varios casos para atender, impartimos varias charlas informativas sobre os programas e servizos que ten a Asociación e presentámonos ó resto de profesionais da Comarca da Limia para poder traballar en conxunto. Tamén puxémos varias mesas informativas e puntos de información con outras entidades que traballan na zona para, así, unir sinerxías.

Respecto a Verín, cal será o seu papel e o da AECC na comarca?

Ben, o meu papel na comarca dispón de varias actividades ou puntos:

  • Achegar ó paciente e o familiar da comarca, na medida do posible, ós servizos, programas e información coa que contamos na Asociación de Ourense. O noso traballo consiste en apoiar, informar e orientar.
  • Realizar charlas informativas para a poboación xeral e/ou persoas interesadas.
  • Achegar todas as campañas de prevención e información que se levan a cabo dende a AECC (cancro de mamá, cancro de colon, etc.).
  • Realizar, na medida do posible, talleres, actividades recreativas e grupos de apoio para pacientes.
  • Iniciar no Hospital de Verín o programa de voluntariado dirixido ós pacientes que acoden á unidade de oncoloxía. Coa axuda do noso "Carriño Don Amable" -servizo de catering gratuíto; carés, tés, tilas, manzanillas, etc.)- ofrecémoslle ós pacientes información sobre a AECC, apoio, escoita activa e entretemento mentres esperan, entre outras.

 

Falta coñecemento sobre a AECC? Se é así, por que pensa que ocorre isto?

Penso que é difícil ter coñecemento sobre todas as entidades existentes. A poboación infórmase ou sabe da nosa existencia cando ten por algún motivo, xa sexa profesional, persoal ou familiar, contacto co mundo oncolóxico.

Cales son os casos máis frecuentes cos que se atopa?

Se facemos referencia ó servizo de atención social, que é o que xestiono como traballadora social, unha das demandas máis comúns é a de orientación e información sobre recursos sociais, seguridade, préstamo de material ortoprotésico e apoio psicosocial e/ou familiar.

E as primeiras reaccións dunha persoa a que lle diagnostican cancro con respecto a AECC cales son?

Cando chegan onde nós soen vir asustados/as e habitualmente son moi receptivos a todo o que lles ofrecemos, son momentos de moita vulnerabilidade. Habitualmente no primeiro momento en que unha persoa pensa que pode ter un cancro é moi común pensar na morte, porque a pesar de que a día de hoxe a taxa de curación do total de diagnósticos está xa por encima do 60%, esta enfermidade segue estando asociada á morte.

Unha vez confirmado o diagnóstico é moi habitual unha especie de negación. Pensar estas cousas acompáñase duns niveis de ansiedade importantes e un estado de ánimo baixo. Todo isto tende a normalizarse ó ir pasando o tempo. De todas formas, é arriscado xeneralizar nestas cousas, porque obviamente cada persoa é diferente e experimenta a situación dun xeito distinto.

Cando chegan onde nós soen vir asustados/as e habitualmente son moi receptivos a todo o que lles ofrecemos, son momentos de moita vulnerabilidade (Kelly Pereira, traballadora social na AECC)

 

Incidencia do cancro na provincia de Ourense

Ademais do papel de Kelly Pereira en Verín e da AECC en moitas das comarcas do territorio estatal, a Asociación fai estudos sobre a incidencia do cancro a nivel nacional.

Neste ano, na provincia de Ourense déronse 2.576 casos novos de cancro, fronte os 2.564 do ano 2018, sendo os homes máis propensos a sufrir esta enfermidade. No tocante aos tipos de cancro que máis incidencia tiveron na provincia, foron o cancro de colon, seguido do de próstata, do de mama e do de pulmón. Do mesmo modo que aumentou a cifra de novos casos do ano 2018 ó 2019, prevese que o número de casos vaia en aumento ano tras ano, coa conseguinte de que os estudos científicos progresan e xa se dá a curación en máis do 60% de diagnósticos.

Respecto aos factores que máis poden influír en xeral nesta enfermidade son factores de risco relacionados cos estilos de vida, tabaco, consumo de alcohol, exposición ao sol, tipo de alimentación, peso e enfermidades de transmisión sexual; historia familiar e aspectos ambientais, exposición a raios X e outras radiacións, estar en contacto con sustancias nocivas e/ou tóxicas, e a contaminación atmosférica.

Kelly Pereira: "O noso traballo consiste en apoiar, informar e orientar"
comentarios