A Xunta inviste 70.000 euros na restauración do retablo da igrexa da Merced en Verín
Esta intervención da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que conta cun investimento de 67.375 euros, realízase co fin de garantir a protección e conservación deste ben, que constitúe un conxunto de referencia do patrimonio histórico-eclesiástico de Verín.
A Consellería de Cultura invertiu 67.375 euros para restaurar o retablo maior da igrexa do convento dos Padres Mercedarios de Verín.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou esta mañá a obra de restauración, que a Consellería de Cultura e Turismo ven de comezar a executar. Na súa visita estivo acompañada pola xefa territorial de Cultura e Turismo, Sandra Quintas Vázquez; e polo superior da Orde da Mercé, o padre Orencio. A representante do executivo galego subliñou o compromiso da Xunta co Galicia "coa preservación do noso rico patrimonio cultural".
A obra presentaba un estado de conservación preocupante nalgunhas zonas e ante esta situación, o pasado mes de outubro a Consellería de Cultura asinou un convenio coa Comunidade Mercedaria de Verín para a posta a disposición dos inmobles necesarios para a súa restauración. Os traballos que se realizarán teñen por obxectivo facer estudos históricos e artísticos, lumínicos, radiográficos, así como análises de policromías, físico-químicos, probas de solubilidade, protección e asentado de estratos polícromos; limpeza superficial e tratamentos antixilófagos, consolidación do soporte de madeira, carpintería de restauración e reintegracións volumétricas, limpeza da policromía, e reintegración do estrato de preparación e policromías do conxunto, vernizado e aplicación de protección final.