Decenas de cadeiras de rodas percorren a avenida de Laza de Verín, dende o asilo, para votar
Preocupaba que o COVID entrase nas residencias de anciáns, pero semella que á hora de exercer o dereito ao voto, esa preocupación é un chisco menor. Decenas de cadeiras de rodas empurradas por relixiosas e persoal do asilo verinense percorreron hoxe parte do carril bici da vila de Verín, entre o xeriátrico e o estadio José Arjiz.
Foi a imaxe desta mañá nas inmediacións do hospital de Verín e a carón do campo de fútbol do José Arjiz da vila. Ao longo de máis de dúas horas, a secuencia foi sempre a mesma: persoal do asilo de anciáns ou mesmo relixiosas empurrando cadeiras de rodas de anciáns con evidentes dificultades motoras e, poida que nalgún caso, ata congnitivas.
Cara as dez da mañá comezaron a chegar os primeiros maiores, ben empurrados por relixiosas, ben en automóbiles das auxiliares do xeriátrico próximo. As xa altas temperaturas que se rexistraban, 26 graos ás 10:30 horas, supuñan, para calquera, e máis para os anciáns, un evidente risco. A afluencia nunha das mesas era tal que algúns dos votantes que non tiñan preferencia decidiron, logo de esperar máis de 20 minutos nalgúns dos casos, desistir do intento e agardar para votar pola tarde ou, como así aseguraba unha muller duns 50 anos que se retirou, nin chegar a facelo. A orde de darlle preferencia aos maiores ou persoas enfermas obrigaba, nunha das mesas instaladas no campo de fútbol de Verín, a que os adultos válidos e sen patoloxía tiveran que agardar moito máis do aconsellable baixo unha insoportable irradiación.
Grande parte dos maiores que alí votaron nesas horas procedía do asilo verinense. Nalgúns casos agardaron ata uns dez minutos na porta do colexio electoral, eles e as súas acompañantes, para exercer o seu dereito constitucional. As condicións climatolóxicas tan severas que se rexistraban levaron aos técnicos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín a instalar unhas carpas que protexesen aos que se vían obrigados a agardar a quenda dos maiores do asilo.
Ata a cara as doce do mediodía, a imaxe na avenida de Laza á altura do hospital foi a mesma: máis dunha ducia de anciáns en cadeira de rodas empurradas por persoal ou relixiosas camiño do ximnasio do campo de fútbol da vila de Verín.
No seguinte vídeo -que lle pode supor unha denuncia a este diario, segundo lle advertiu o axente que se interpón na imaxe-, poden apreciarse as colas de anciáns que se rexistraron ata o mediodía desta xornada electoral.