xoves 21.11.2019
A PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA CONVOCA Á POBOACIÓN A MANIFESTARSE DE NOVO

Verín "abrazará", antes de saír á rúa en manifestación, ao hospital, o vindeiro 30 de novembro

Xa se coñece a data na que ás rúas de Verín volverán a saír profesionais e cidadanía para berrar por unha sanidade de calidade na comarca e no seu hospital de referencia. Ás cinco da tarde do vindeiro 30 de novembro, "abrazarase" inicialmente ao centro hospitalario e logo partirase cara a praza do Concello da vila. 

A comisión delegada do centro mantivo este mediodía unha xuntanza cos membros da Plataforma Comarcal en Defensa da Sanidade Pública.
A comisión delegada do centro mantivo este mediodía unha xuntanza cos membros da Plataforma Comarcal en Defensa da Sanidade Pública.

A comisión delegada do hospital comarcal de Verín, logo da xa periódica e habitual concentración de todos os venres ás doce do mediodía, mantivo unha reunión cos membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, na que se acordou que será o vindeiro 30 de novembro a data fixada para volver a saír ás rúas da vila berrando contra o "progresivo desmantelamento de servizos que está a sofrir esta institución hospitalaria por mor das políticas de recortes na sanidade do Goberno de Feijóo, pero tamén da dirección tanto provincial, como xa máis local, do Sergas", afirmou Rosa Eva Fernández, presidenta da comisión delegada e voceira da sección sanitaria do sindicato nacionalista CIG en Verín.

Segundo confirmaron os organizadores da nova mobilización, aínda que están previstos máis actos reivindicativos, o día 30 de novembro, ás cinco da tarde, os asistentes á convocatoria protagonizarán unha aperta simbólica ao hospital de Verín co único propósito de "protexelo das agresións que a política da Consellería de Sanidade lle está a inferir e, de paso, amosarlle todo o noso agarimo a unha institución que vemos como esmorece de servizos mes a mes", sinala Fernández.

A comunicación da nova mobilización polas rúas de Verín serviu tamén á comisión delegada do centro para desmintir as recentes manifestacións dos responsables do Sergas en Ourense, nas que afirmaban que se crearían "seis novas prazas de persoal no hospital de Verín". Nunha declaración remitida aos medios, os representantes dos traballadores califican "dunha falta de respecto aos profesionais e á cidadanía da comarca. Non é unha creación de novas prazas, é unha cobertura estable de prazas que xa se viñan cubrindo con contratos precarios dende o 2015, e que por lei xa tiñan que estar estabilizados dende fai, alomenos, dous anos", explican.  

Verín "abrazará", antes de saír á rúa en manifestación, ao hospital, o vindeiro 30 de...
comentarios