A Xunta tamén abre unha nova liña de axudas aos establecementos turísticos afectados polos incendios

Turismo de Galicia inviste 140.000€ en mellorar a Praia dos Franceses en A Veiga

Xosé Merelles e Juan Anta durante a visita de obra na Praia dos Franceses en A Veiga.

O concello de A Veiga está a ultimar a recuperación da súa emblemática Praia dos Franceses, un proxecto impulsado grazas a un convenio de colaboración con Turismo de Galicia. A Xunta achega un total de 140.000 euros dos 150.000 orzamentados, destinados a transformar este espazo na contorna do río Xares e do Encoro de Prada nun novo motor económico e punto de encontro.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que o obxectivo é "converter a praia non só nun recurso para os veciños, senón nun atractivo turístico de interior que reforce a oferta de natureza de A Veiga". A intervención céntrase na recuperación integral do espazo, incluíndo a limpeza e rexeneración da contorna, ademais do acondicionamento de accesos. Entre as melloras máis destacadas para o uso público atópanse: 

Creación de duchas públicas, instalación dun posto de socorrismo, novo mobiliario de praia para o lecer, mellora da calidade ambiental e paisaxística. Ademais, o proxecto busca integrar este espazo coa oferta de actividades náuticas xa existente no encoro, ampliando as posibilidades turísticas da comarca.

Xosé Merelles durante a visita ás obras xunto ao alcalde da Veiga, Juan Anta.

 

Compromiso coa recuperación tras os incendios

O director de Turismo de Galicia avanzou que esta nova infraestrutura permitirá, tamén contribuír á recuperación turística de A Veiga tras os incendios forestais do pasado verán e indicou que neste contexto, é “fundamental a colaboración institucional para ofrecer cada vez mellores servizos”.

De feito, como engadiu, Turismo de Galicia está a demostrar o seu compromiso co rural a través de distintas accións como esta e, no caso concreto da recuperación das zonas afectadas polos incendios, está en marcha un paquete de medidas para o sector, coa campaña de promoción do destino que xa pode verse en máis de 100 medios nacionais.

 

Tamén recordou que outra das medidas está en marcha desde hoxe venres, cando abre o prazo que os establecementos turísticos afectados pola caída de facturación nos incendios forestais do pasado verán. A liña de achegas, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, forma parte dun paquete maior de medidas centradas no sector turismo. Está dotada cun total de 650.000€ e sufragará ata un 25% da perda de facturación cun límite ata 2.500. o prazo para presentar solicitudes remata o 24 de novembro.