A Xunta destina 5 millóns para mellorar servizos básicos e fixar poboación no rural galego
A Consellería do Medio Rural publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas para a prestación de servizos básicos locais, dotada con 5 millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. O obxectivo desta liña é propiciar a revitalización do tecido produtivo e animar o asentamento de persoas en áreas rurais, impulsando a recuperación demográfica e condicións de vida de calidade.
Poderán beneficiarse todos os concellos de Galicia que desenvolvan proxectos en zonas rurais, agás as parroquias clasificadas polo IGE como zonas densamente poboadas. Estas áreas excluídas localízanse nas sete cidades galegas e nos municipios de Culleredo, Narón, Oleiros, Barbadás e Poio. Os fondos permitirán acometer obras nas redes de alumeado público, rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas.
As actuacións tamén inclúen a restauración de elementos patrimoniais, a mellora de servizos asistenciais e culturais, así como a adquisición de maquinaria e bens de equipo. Os proxectos seleccionados recibirán unha subvención equivalente á totalidade dos gastos, cunha axuda máxima de 100.000 euros por beneficiario.