martes. 23.04.2024
WhatsApp Image 2020-02-28 at 13.34.48
A chaqueta do Xan da "Botica" que luciu este ano polas rúas de Verín. | FOTO: María Soliño.

Juan Álvarez López, coñecido por "o Xan da Botica" é Cigarrón dende o 1972, e este ano despediuse das chocas e da zamarra para sempre. Diario do Támega falou con el para que lle amosase ós nosos lectores o pensamento dun veterano sobre o transcurso do Cigarrón e do Entroido no tempo.

Xan da Botica -o cuarto pola dereita- cos seus compañeiros este Domingo de Entroido 2020.Xan da "Botica" -o cuarto pola dereita- cos seus compañeiros este Domingo de Entroido 2020. 

Vídeo de fai case unha década, no que Juan Álvarez se vestía para a cámara de Borys Martínez. 

Estase perdendo a esencia do Cigarrón?

As tradicións foron mudando. Hoxe é todo máis exhibición, xa non hai aquela cousa de saír correndo cando ves un Cigarrón. Antes, as rapazas cando oían as chocas saían correndo, agora xa non. Nos últimos anos tamén se sae coas chocas dende principios de ano, nós saíamos a partir do 17 de xaneiro -o San Antón- que era o primeiro día que puñamos o traxe, e de aí para adiante, xoves ou sábados ou calquera día saíamos sempre co traxe. Hoxe empezan a primeiros de ano a saír só coas chocas e a min non me fai ilusión. Eu estou na casa, son Cigarrón e antes oía unhas chocas e saía ó balcón pola emoción, agora oio as chocas e non saio, porque sei que son os que van entrenar só coas chocas.

Eu penso que se está perdendo algo esa esencia que tiña o Cigarrón, a broma e aquela cousa de correr detrás dos nenos, o "medo" e respecto.

Antes era difícil ter un traxe de Cigarrón, como facían?

Eu antes saía con traxes prestados, apañábame para conseguilos, ir buscalos, pór o traxe un par de horas e ir rápido a devolverllo ao dono. Ata que máis adiante unha prima miña me fixo o meu primeiro traxe. Antes era máis complicado ter un traxe propio, agora, eu penso que practicamente todas as casas de Verín teñen un traxe, e moitas tres ou catro.

E vostede como comezou a vestir o Cigarrón?

Cando eu comecei a vestir o Cigarrón tiña 27 anos -daquelas non saían nenos-. A primeira vez que puxen o traxe foi no ano 72. Resulta que antes ca nós saíron uns cantos, pero saían esporadicamente, pois alquilaban os traxes en Castro e non eran moi bos, e ás veces era complicado saír. Eran o "Quique" da Farmacia Santamarina, os fillos de Don Casiano, o Tarrío, o Casto, etc. e cando eles deixaron de saír, durante un par de anos non saíu ninguén.

A cousa foi que a min, ao non ver Cigarróns na rúa, deume pena. E eu, que nunca saín de Cigarrón, collín ao "Toni" Taboada, que tiña algún traxe na súa casa, e fomos a vestirnos. Chegamos á rúa e a xente estaba sorprendida. Fomos ao Bar Deportivo, no que estaba o pai do "Toni" Taboada e o "Pepe", o dono do bar. Quedaron impresionados e aos dous lle caeron as bágoas da emoción. Foi nese momento cando decidín que ía saír co traxe ano tras ano mentres as circunstancias o permitiran. E así foi.

E os vindeiros anos, como foron?

Fomos creando pandilla e meténdolle o vicio aos nenos no corpo, e así comezamos a facer canteira con rapaces...  e foi aí cando comezaron a saír os nenos.

No ano 81 saímos 41 Cigarróns e o ano seguinte, xa eramos 62. E así, ano tras ano, fomos animando á xente a que vestira o traxe. Hoxe xa son máis de 600 Cigarróns.

Considera que foi vostede o que iniciou a recuperación disto?

Nesa época cadroume a min animarme, pero logo empezaron moitos, moitos máis. Algúns seguen saíndo, outros xa deixaron de saír fai tempo. Eu fallei catro ou cinco anos aleatorios por diferentes circunstancias, pero a fin de contas, son 48 anos saíndo de Cigarrón.

E vostede pertence á Asociación do Cigarrón?

Eu estou na Asociación e fun vicepresidente durante 10 anos, e o "Checa" era o presidente. Agora entraron outros, os Castro, que foron os que formaron a Asociación, pois o noso era xestora.

Cada Cigarrón pode pór o traxe como quere ou ten que seguir unhas regras?

O traxe é o mesmo o do Cigarrón de Verín que o do Peliqueiro de Laza, é a mesma "cousa". Agora ben, ti podes pór o traxe con máis luxo ou menos, pero a esencia do traxe é a mesma para todos, cada traxe ten que levar o mesmo. A careta, camisa branca, corbata, panoleta, chaquetilla en condicións, a faixa branca dentro e outra fóra, pantalón, medias, ligas, zapato negro baixo con cordón e zamarra. Iso é do que se compón o traxe de Cigarrón, e tamén o de Peliqueiro. Por exemplo, os Felos de Maceda son moi parecidos pero ese traxe xa non é igual que os nosos.

A esencia do noso traxe é a mesma. Agora, que corras dunha maneira ou que corras doutra, eso xa vai no estilo de cada un. Por exemplo, a forma de correr dos Peliqueiros en Laza é distinta da forma de correr en Verín, alí son 200 metros na Picota dalí para alá, ir correndo, dar a volta e tal, e aquí desfilas por unha carretera na que xa corres doutra maneira. A forma de correr é diferente entre os Cigarróns e os Peliqueiros. Eu son moi fan dos Peliqueiros tamén.

Que opina da xente que viste o Cigarrón e pon calquera tipo de calzado?

Eu penso que se meten no desfile para desprestixiar, porque o fixeron o ano pasado. Hai xente que se camufla e sae mal vestida para desprestixiar ao Cigarrón, esa é a miña opinión.

Algunha anécdota sobre algún Cigarrón que lle chamara moito a atención?

Hai un feito curioso, fai bastantes anos, Luís de Cerdedelo vestía o Cigarrón e montaba en cabalo blanco. O home, que era moi grande, ía aos bares, e o curioso é que chegaba ao Bar Cesteiro, ao Bar Alfonso, ao Bar Caneda, e entraba montado no cabalo, tomaba a súa cunca de viño e saía. Así en todos os bares polos que ía. Eu daquelas era un neno, e recórdoo porque el entraba tamén no bar de meu pai, o Bar "Pepe", e impresionábame ver a ese home, que era moi grande, encima dun cabalo blanco.

E para o ano que ven, volveremos velo de Cigarrón?

Para o ano que ven non o vou pór porque xa teño 75 anos e este traxe merece un respecto. Hai que lucilo con elegancia, porte e gallardía e unha vez posto, saír a correr sen descanso. E cos meus anos xa non é posible, así que colgo as chocas despois de 48 anos.

O Xan da "Botica" colga as chocas