Venres. 29.03.2024
20200307181550_IMG_6750
O CDR Portas Abertas-Xadrez Verín fíxose coa vitoria en todas as categorías na pasada xornada. | FOTO: Xadrez Verín.

O Auditorio de Verín acolleu esta pasada fin de semana unha xornada de Xadrez dentro da Liga Galega de Xadrez. Partidas disputadas de gran nivel e incertidume ata o final, rematando cuns resultados positivos para o CDR Portas Abertas - Xadrez Verín (o equipo da vila). Por primeira vez nesta tempada, xogaban os catro equipos verinenses na casa e todos os encontros resultaron con vitoria.

20200307181238_IMG_6761A última xornada da Liga Galega de Xadrez, celebrada no Auditorio de Verín. | FOTO: Xadrez Verín.

Na División de Honra, o Verín A venceu por 5-1 ó Xadrez Pontevedra, vixente campión e segundo clasificado na Liga. As vitorias de GM David Lariño, GM Lelys Martínez, GM Luís Galego, MF Luís Medarde e a agónica de CM Ivo despois de case 5 horas de xogo colocan ó Verín A con 5 puntos de vantaxe sobre o Pontevedra.

Na Segunda División, outra vitoria para o Verín B, cun resultado de 4-0 contra o Círculo Chantadino B. Este resultado permítelle ó Verín B seguir unha semana máis como líder e aumentar a vantaxe a 2,5 puntos sobre o segundo clasificado.

E por último, na Terceira División, o CDR Portas Abertas - Xadrez Verín completaba esta secuencia de vitorias. O Verín C gañaba por un 2,5-1,5 ao Celanova B. Esta vitoria deixa ó Verín C unha semana máis no segundo posto, que dá dereito á praza de ascenso, e segue coas súas aspiracións intactas. E o equipo infantil, o Verín D, gañou tamén por 4-0 ó Chantada C, e prosigue xa coa súa remontada.

Na próxima semana todos os equipos verinenses xogarán fóra da casa. O Verín A visita ó Xadrez Ourense A, que se atopa no terceiro posto na División de Honra. Na Segunda División, o Verín B visita ó Liceo B Academia Postal de Ourense, mentres que na Terceira División, o Verín C competirá contra o Liceo Carlos Casares de Xinzo. Os nenos do Verín D xogarán ante o Liceo C Academia Postal.

A última xornada da Liga Galega de Xadrez favoreceu ó CDR Portas Abertas de Verín