A tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos amplía a súa vixencia a 2026
O éxito da Tarxeta Xente Nova consolídase en Galicia: ata setembro deste ano rexistráronse máis de 132.000 tarxetas activas coas que se realizaron case cinco millóns de viaxes gratuítas, un lixeiro aumento respecto ao ano anterior. A iniciativa, que naceu co obxectivo de concienciar á mocidade sobre o uso do transporte público, permite aos mozos e mozas menores de 21 anos realizar ata 60 viaxes de balde ao mes nos autobuses interurbanos.
Dada a súa gran acollida, con máis de 20.000 novas altas entre xaneiro e setembro, a Xunta de Galicia ampliará o seu funcionamento para o próximo ano. Deste xeito, seguirase promovendo unha mobilidade máis sostible ao tempo que se facilita o acceso ao transporte público para a mocidade, mellorando a súa mobilidade para estudar, traballar ou por ocio.
Un aforro para as familias
Esta iniciativa persegue outro obxectivo claro: contribuír á economía familiar reducindo os custos derivados do transporte. O impacto económico é notable: o investimento nas bonificacións supuxo para as familias galegas un aforro de case 8,8 millóns de euros ata setembro deste ano. Trátase dunha bonificación do 100% entre a Xunta e o Estado. No balance autonómico, aínda que a provincia da Coruña concentra máis da metade das viaxes, as provincias do interior tamén confirman o uso do servizo: Lugo e Ourense representan cada unha un 6% do total de viaxes gratuítas rexistradas.
A rede de Transporte Público de Galicia permite viaxar por todo o territorio e a súa páxina web (www.bus.gal) dispón de información actualizada dos servizos de transporte vixentes en cada momento. Nesa páxina pódense consultar os horarios e as paradas autorizadas do transporte público; incluídos os percorridos do concello de Verín.
.
Que é, como funciona e como conseguir a tarxeta?
A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de transporte de Galicia que lles permite aos mozos e mozas de entre 4 e 20 anos realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas no transporte público que depende da Xunta. Os menores de 4 anos xa viaxan gratis, e quen cumpra 21 anos pode seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.
- Que viaxes se poden facer? Son gratuítas as viaxes interurbanas en toda Galicia, calquera que sexa a súa orixe e destino. Ademais, bonifica os desprazamentos no tren metropolitano de Ferrol e no transporte marítimo da ría de Vigo. As viaxes interurbanas inclúen transbordos cos buses urbanos se forman parte dunha viaxe metropolitana.
- Como conseguila? A tarxeta é gratuíta e é expedida por Abanca. Non é necesario ter unha conta asociada. Abonda con solicitar unha cita na oficina de Abanca seleccionada e levar o DNI. No caso de ser menor de 18 anos, debe solicitala o representante legal, achegando ademais o libro de familia.
- Como funciona a bonificación? Para viaxar, primeiro cárgase saldo na tarxeta. Págase a viaxe coa tarxeta e, posteriormente, a Xunta de Galicia reintegra o importe aboado directamente na tarxeta.
Un compromiso que segue medrando
O Plan de Transporte Público de Galicia, a través da política tarifaria da Xunta, é un factor determinante no constante aumento de usuarios. O compromiso co transporte público non se detén na Xente Nova. Esta iniciativa súmase a outros descontos como os aplicados á Tarxeta de Mobilidade de Galicia e, especialmente, á Tarifa +65, que tamén oferta 60 viaxes gratis ao mes para as persoas maiores de 65 anos.
Estes avances buscan ofrecer alternativas máis accesibles e económicas para a cidadanía, bonificando tarifas, sobre todo coa tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, o que contribúe en gran medida a que a demanda do transporte interurbano siga medrando.