viernes. 19.04.2024
O deportista Marcos Bajo, con disCapacidade visual, percorrerá 1.900km en 35 días

A III Volta Solidaria a España en favor das enfermidades raras fai parada na bisbarra

O reto consiste en percorrer media España na modalidade de duatlón: 1.900km en 35 días, un pouquiño a pé e outro en bicicleta. Trátase dunha iniciativa da Asociación Muévete por los que no pueden coa que pretenden concienciar á sociedade da situación dos pacientes e das familias que padecen enfermidades raras achegando á poboación a súa realidade cotiá. Mañá mércores, a iniciativa solidaria chega a Riós e a Verín.

iii vOLTA SOLIDARIA A ESPAÑA EN FAVOR DAS ENFERMIDADES RARAS
Marcos Bajo, deportista con disCapacidade visual por mor dunha enfermidade rara, percorrerá 1.900km na III Volta Solidaria a España.

A ruta iniciouse en Bilbao o pasado 7 de outubro e rematará en Barcelona o vindeiro 10 de novembro; un percorrido de 1.900km por media España co reto de facelo en 35 días na modalidade de duatlón. Será mañá, mércores, cando chegue á nosa bisbarra. A primeira parada da ruta será no Riós ó redor das 10:45h diante da Casa do Concello, onde os participantes serán recibidos polo alcalde, Francisco Armando Veiga. A segunda será no Pavillón da Granxa de Verín ó redor das 13:30h, sendo o encargado de darlles a benvida Eugenio Quintas, Concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Verín. En cada unha das paradas haberá unha autocaravana solidaria na que se poderán facer donativos á organización ou mercar merchandising do proxecto. 

A iniciativa foi posta en marcha pola Asociación Muévete por los que no pueden e iste ano celebran a terceira edición da Volta Solidaria a España en favor das enfermidades raras. Unha acción que naceu co obxectivo de dar a coñecer as enfermidades raras, pero tamén coa idea de eliminar as barreiras sociais existentes en torno ás enfermidades minoritarias achegando á poboación a realidade dos pacientes e das familias que as padecen. Trátase de darlle a maior visibilidade posible e de promover a práctica de deporte como reto de superación para calquer persoa, con disCapacidade ou non.

Buscan divulgación, pero tamén acadar fondos para a continuidade da investigación sobre enfermidades minoritarias, aquelas que teñen unha baixa incidencia na poboación: é dicir, cada unha delas afecta a menos de 5 de cada 10.000 habitantes. Nembargantes, grao a grao faise unha morea e as patoloxías pouco frecuentes afectan a moitas persoas. A Organización Mundial da Saúde fala de preto de 7.000 enfermidades raras que afectan ó 7% da poboación mundial. Fagamos cálculos, en España son máis de tres millóns de persoas.

O percorrido  une os centros investigadores de enfermidades raras situados en Bilbao, Vigo, Madrid e Barcelona

Non é suficiente o orzamento dedicado á investigación de cada unha das numerosas enfermidades raras que existen e padecen milleiros de persoas, por iso buscan a solidariedade maila implicación da poboación tentando maximizar a axuda popular para o avance da investigación das enfermidades minoritarias. E o fan pondo en marcha accións como a III Volta Solidaria a España, coa súa autocaravana solidaria.

Por que 1.900km en 35 días?

O artífice dista iniciativa é Marcos Bajo, deportista amateur con disCapacidade visual por mor dunha enfermidade rara e cofundador da asociación. A idea xurdiu coa intención de unir nun mesmo percorrido os cinco centros investigadores de enfermedades raras perceptores das axudas outorgadas por Muévete por los que no pueden nos anos 2018 e 2019 para continuar cos seus proxectos.

Situados en Bilbao, Vigo, Madrid e Barcelona, poder visitalos deu lugar á creación dun percorrido con 1.900km que fará na modalidade de duatlón: 1.250km correndo e 650km a bicicleta. O reto: facelo en 35 días; deixando constancia do seu afán de superación e do seu amor polo deporte. Non irá só, terá o soporte dun equipo de apoio formado por Minerva González e Gregorio Jiménez e de moitos compañeiros  da asociación que se unirán en momentos puntuais da ruta.

A III Volta Solidaria a España en favor das enfermidades raras fai parada na bisbarra