Xoves. 28.03.2024
NOS VINDEIROS DOUS ANOS ESTARÁN DISPOÑIBLES NA COMARCA MÁIS DE 180 PRAZAS

O Concello de Verín formará, ata xullo, a 15 novos profesionais en coidado aos maiores

Dende o pasado día 7 de febreiro desenrólase, nas instalacións da Casa da Xuventude de Verín, a terceira das edicións desta oferta formativa, que está subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O curso componse dunha parte teórica e outra práctica e terá unha duración total de 468 horas

190211 CURSO FORMACION SOCIOSANITARIA IMG_1064 CMZ

A alta demanda de postos de traballo relacionados co ámbito xerontolóxico na vila e alrededores que se prevé no vindeiro bienio está a converter ao "Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais" nun dos de maior reclamo dos que está a organizar o Concello de Verín dende a súa área de Réxime Interior e Recursos Humanos, que dirixe a edila Rosario Rodríguez.

Dende o pasado día 7 de febreiro desenrólase, nas instalacións da Casa da Xuventude de Verín, a terceira das edicións desta oferta formativa, que está subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O curso componse dunha parte teórica e outra práctica e terá unha duración total de 468 horas. Rematará o vindeiro 1 de xullo, logo de teren completada a segunda delas.

Os alumnos que rematen con éxito a súa formación obterán o certificado de profesionalidade de nivel 1, que é a titulación mínima esixida pola normativa actual para poder traballar en institucións xerontolóxicas a partir do vindeiro ano 2020. O título capacitaraos para atender, da maneira máis óptima, ás persoas dependentes usuarias das diferentes institucións sociosanitarias, podendo aplicar no desempeño das súas funcións operativas aquelas estratexias e procedementos enfocados a manter e mellorar a autonomía persoal dos residentes da instalación e as súas relacións co seu entorno.

DÚAS RESIDENCIAS E UN CENTRO DE DÍA

Tanto nesta convocatoria, como nas dúas anteriores, o Concello de Verín vén de formar a aqueles profesionais aos que se lles presentan importantes posibilidades de atopar emprego nos vindeiros 24 meses. Dúas son as institucións, entre públicas e privadas, que abrirán as súas portas nun curto espazo de tempo. A entidade concesionaria da xestión do centro de día para maiores de Verín ten prevista a súa inauguración pública no vindeiro mes de marzo -arestora atópase ultimando o acondicionamento de mobiliario preciso para o desenrolo da súa actividade-. En poucos meses, a residencia de anciáns que se implantará nas reformadas instalacións do Hotel Gallego botará tamén a andar cunha capacidade para 60 prazas; o centro de día está habilitado para un máximo de 36 a xornada completa.

Non serán as únicas. A Fundación San Rosendo agarda polo Concello de Verín para que lle entregue, de xeito definitivo, os terrenos nos que se edificará unha das súas novas residencias xeriátricas con capacidade para 120 prazas, ampliando así de xeito notable a oferta -moi escasa ata o de agora- existente en Verín.

Recentemente completaron o capítulo de apertura de novas instalacións os concellos de Vilardevós e o de Cualedro, municipios que xa contan con institucións xeriátricas.

"Dende que o vimos solicitando, esta acción formativa sempre tivo o aforo completo, a súa demanda é constante no tempo", salienta a concelleira Rosario Rodríguez

"Este é un curso moi demandado, xa que desde que o solicitamos no 2015 todos os anos tivo aforo completo. Devandita demanda é constante no tempo, e máis aínda cando se proxectan abrir institucións adicadas ao coidado de persoas dependentes en Verín, como son a inminente apertura en marzo do centro de día e a futura residencia de anciáns en Caldeliñas", salientou a concelleira de Recursos Humanos do Concello de Verín, Rosario Rodríguez.

O Concello de Verín formará, ata xullo, a 15 novos profesionais en coidado aos maiores