Venres. 29.03.2024
Os nenos de 3 e 5 anos do CEIP Amaro Refojo visitaron aos máis maiores no centro de día Raiola de Verín. | FOTO: Concha Caneiro Losada
Os nenos de 3 e 5 anos do CEIP Amaro Refojo visitaron aos máis maiores no centro de día Raiola de Verín | FOTO: Concha Caneiro Losada.

Nenas e nenos do CEIP Amaro Refojo achegáronse esta mañá ao centro de día Raiola, para cantarlle e bailarlle panxoliñas a un público moi especial, os nosos maiores. Ás 11:30 horas entraban pola porta de Raiola 60 nenas e nenos de 3 e 5 anos cargados de enerxía e entusiasmo para bailar e cantar diante dos máis maiores. Vilancicos que todos coñecemos como Arre borriquito, outros máis innovadores e incluso algunha panxoliña en inglés foi o repertorio que cantaron os máis pequenos, acompañando as letras con coreografías moi divertidas, chegando a empregar bastóns para algún baile moi especial.

Unha das actuacións das nenas e nenos do CEIP Amaro Refojo esta mañá.

Os maiores do centro de día Raiola desfrutaron e puideron gozar dunha mañá diferente e amena. Cantaron, deron palmas e desfrutaron da visita dos cativos, que encheron de agarimo e cariño aos nosos maiores. Algún chegou a emocionarse ao ver a ledicia que desprendían as nenas e nenos. Ao fin, nestas datas de Nadal, a nostalxia, o cariño e a sensibilidade afloran un chisquiño máis en todos e o contacto entre xeracións tan diferentes sempre ten resultados positivos. E que mellor que estas datas para facer que os nosos maiores pasen un anaco do seu tempo cantando  cos máis cativos panxoliñas e, o máis importante de todo, que ese tempo estea cargado de risos e momentos de felicidade.

Os cativos do CEIP Amaro Refojo cantaron e bailaron panxoliñas no centro de día Raiola