Venres. 29.03.2024
Dende a esquerda, Carolina Outomuro, María Xesús Blanco e Helena Pousada, as integrantes do equipo de Albeitar Centro Veterinario.
Dende a esquerda, Carolina Outomuro, María Xesús Blanco e Helena Pousada, as integrantes do equipo de Albeitar Centro Veterinario.

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A día de hoxe, as mulleres na Ciencia representan menos do 30% de investigadores do mundo. En España, as mulleres ocupan un 25% das cátedras universitarias e profesoras de investigación no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e só un 7% das nenas de 15 anos di que quere dedicarse a profesións técnico-científicas no futuro.

A maioría de mulleres extraordinarias de ciencias, con independencia da importancia dos seus achados, a audacia dos seus estudos ou o alcance do seu enxeño coñeceron obstáculos que as subestimaron, esqueceron e ata incluso as borraron da historia.

É esencial que cada 11 de febreiro reivindiquemos o acceso e a participación plena e en igualdade das mulleres e nenas na Ciencia

É esencial que cada 11 de febreiro reivindiquemos o acceso e a participación plena e en igualdade das mulleres e nenas na Ciencia, e non podo senón render unha pequena homenaxe a todas aquelas veterinarias que optamos por esta Ciencia como profesión.

Albeitar 2

A Medicina Veterinaria, xunto coa Medicina e a Odontoloxía -dominadas por homes- sufriu un cambio transcendental na historia das desigualdades que amosou a Ciencia dende épocas helénicas. É un feito que a presenza da muller no estudo formal e nas universidades é un fenómeno de finais do século XIX, sendo ademais un proceso caracterizado por profundas desigualdades que se arrastrou durante os tres primeiros cuartos do século XX. Aínda que se observaba que en certas especialidades como a Pedagoxía, a Enfermería ou a Farmacia había predominio feminino, na práctica totalidade das escolas tecnolóxicas, incluídas as de ciencias biomédicas, o número de mulleres era moi escaso.

Hai 56 anos, no 1965, só o 4% das estudantes de Veterinaria eran mulleres. No 2021 chegamos ó 82%. Anque en xeral, tódalas profesións sanitarias están actualmente inmersas nun proceso de feminización, a Medicina Veterinaria é a de maior cambio en función do xénero no mundo

Esta nula integración das mulleres na Medicina Veterinaria, por exemplo, baseábanse en argumentos tales como a adxudicación só ó sexo masculino da capacidade de “dominar as bestas” e a rudeza do traballo con elas. Hai 56 anos, no 1965, só o 4% das estudantes de Veterinaria eran mulleres. No 2021 chegamos ó 82%. Anque en xeral, tódalas profesións sanitarias están actualmente inmersas nun proceso de feminización, a Medicina Veterinaria é a de maior cambio en función do xénero no mundo.

Os motivos desa conquista

Esta conquista da muller nesta práctica profesional é froito de numerosos motivos. Por un lado a transformación da propia profesión e os seus estudos, por outro o empeño das primeiras mulleres por acceder a unha carreira universitaria vetada para elas e en terceiro lugar por todas aquelas que superamos atrancos e tratamos de eliminalos para o futuro, sendo o froito das sementes iniciais.

A primeira Licenciada en Veterinaria en España foi María Cerrato (1897-1981) que acadou o seu título en 1925. Para matricularse na Universidade de Córdoba tivo que pedir un permiso especial ó Ministerio de Instrución Pública e ademais, entre outras credenciais, demostrar cun certificado médico que tiña as aptitudes físicas para o desempeño profesional. Proba da súa enorme suficiencia é que obtivo tamén os títulos de Maxisterio, Música e Farmacia.

A segunda foi Justina González Morilla (1903-1997), que obtivo a súa titulación no 1928. O paralelismo entre as dúas veterinarias españolas radica non só na capacidade de estudo e traballo (Justina licenciouse ademais en Odontoloxía e Pediatría no 1929 e 1930 cun expediente brillante), senón tamén no seu espírito pioneiro, que abriu as portas das Universidades e da Ciencia derribando así as barreiras do seu acceso.

Albeitar 1

A día de hoxe, grazas ó aumento de mulleres nesta profesión atopámonos Veterinarias excepcionais e emprendedoras como Delia Saleno, presidenta da Confederación Empresarial Veterinaria e membro da Xunta de Goberno da CEOE, a galega Rebeca Atencia que dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpacés en Tchimpounga, vinculado ó Instituto Jane Goodall na República do Congo, ou Lupe Miró, catedrática do Departamento de Sanidade Animal da facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, que lle dá nome a un parasito, Theileria lupei.

Cada Veterinaria demostra o poder transformador da muller na Ciencia. Estes exemplos serven de inspiración e entusiasmo para un mundo no que o xénero non defina o camiño nin a distancia a recorrer

Cada Veterinaria demostra o poder transformador da muller na Ciencia. Estes exemplos serven de inspiración e entusiasmo para un mundo no que o xénero non defina o camiño nin a distancia a recorrer. O maior éxito do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é o de xerar paixón e curiosidade polo mundo que nos rodea, e o dereito a exploralo con confianza, liberdade e igualdade.

Para indagar noutras brillantes científicas e as súas historias: Ada Lovelace; Ann Makosinski; Florence Nightingale; Grace Hopper; Hipatia; Mae C. Jemison; Margaret Hamilton; Margherita Hack; Maria Sibylla Merian; Marie Curie; Nettie Stevens; Sylvia Earle; Mary Anning; Mary Edwards Walker; Matilde Montoya

OPINIÓN | Ciencia, mulleres e veterinarias