jueves. 25.04.2024
Rúa das Obrigas, en Verín.
Rúa das Obrigas, en Verín.

Baamonde: Este antropónimo procede dun nome en xenitivo de orixe xermánica Badamundus (*badu "loita", munds "protección"). A súa forma correcta é "Baamonde", pero tanto na toponimia, como nos apelidos encontramos as catro versións (Baamonde/Bahamonde, Vaamonde/Vahamonde). Hoxe sabemos a ciencia certa que a única grafía historicamente correcta é Baamonde, trátese dun topónimo ou dun apelido. En Verín encontramos 110 Vaamonde e 42 Bahamonde. A nivel toponímico é relativamente frecuente na provincia de Lugo, mais hai tamén casos en Paderne de Allariz e Portugal.

A Preguiza: Este topónimo encóntrase en Verín, nunha zona do río Támega, case á altura do núcleo urbano. É posible que este (topónimo) poida devir de "peri-garza, pera a modo de "garza", "pera" de pronunciado colo. Estariamos a falar dun fitotopónimo semellante a O Preguecido, O Preguizal. En todo caso presenta dúbidas, pois estoutros topónimos presentan sufixos -ido/-edo, -al de carácter abundancial e isto fainos pensar que tamén pode ser palabra do léxico común "preguiza" (latín: pigritiam). Na fala presenta tamén a forma "perguiza", metátese frecuente na fala oral ("probe" por "pobre").

Queirugás: fitonímico que deriva da base prelatina car. Por un lado, as bases *cariola/*carioca dan os topónimos Queiroás, Queirugás, Queiroá, Queiroga, Quiroga... e por outro, *Car dá Carrasco, Carrizo, Carqueixa... e mesmo carballo (*Carba). Ao longo da historia este topónimo presenta dúas grafías contraditorias no seu sufixo -aes, con til de nasalidade ou sen ela. E isto cuestiona a orixe deste sufixo latino: -ales ou -anes. "Keiruganes, Villa Maiore, Pepini", "Garçia Lourenço de Queirugaes", "Pedro de Quirogaás", "Mariña Sanchez de Quyrugaees" (Navaza, 2006). A distribución destes sufixos parece anárquica e non obedece a ningún criterio coñecido. Nós inclinámonos polo sufixo latino abundancial -ales, por aparecer na comarca de Monterrei noutros fitónimos abundanciais derivados do sufixo: -ale. Ex. O Toxal (en Pazos).

Rúa das Obrigas: Existe en Verín no Casco Vello, preto da praza de García Barbón, unha pequena rúa con esta denominación tan curiosa. Sucede algo similar noutras partes da P. Ibérica con Casquería. Refírese a unha antiga tenda (carnizaría) onde se vendían as vísceras dos animais. De xeito similar sucedeu coa denominación de rúas onde predominaban determinados artesáns. Así xurdiron as rúas dos Zoqueiros, Zapateiros, Ferreiros, ... lembren a famosa rúa compostelá próxima á catedral: rúa da Acibecharía (obradoiro onde se traballa o acibeche). Unha das acepcións de obriga nos dicionarios: "O gando que compran os feirantes e que se destina para consumo humano". Do latín "obligare". De aí vén o uso sinonímico de carnizaría.

ONOMÁSTICA | Os apelidos Baamonde/Vaamonde e os topónimos rúa das Obrigas, A Preguiza e...