sábado 24.08.2019
TAMÉN LOITARÁ POR DEROGAR A REFORMA LABORAL E INCREMENTAR O GASTO SOCIAL

Iván Olmos reclamará como deputado a universalidade da educación de cero a tres anos

O cabeza de lista ao Congreso dos Deputados por Ourense de En Marea, Iván Olmos Ferreiro, compareceu este luns acompañado da deputada autonómica Paula Vázquez e do voceiro nacional, Luís Villares, para explicar á cidadanía as principais e concretas propostas que a súa formación levará ao debate na Cámara Baixa no caso de obter representación pola provincia nas vindeiras eleccións do 26 de abril.

Iván Olmos Ferreiro, primeiro pola esquerda, con Villares e Vázquez Verao.
Iván Olmos Ferreiro, primeiro pola esquerda, con Villares e Vázquez Verao.

Un día despois de que milleiros de cidadáns españois, entre os que se atopaban unha significativa expedición de ourensáns -convidados polos centros de desenrolo rural de Portas Abertas (Vilardevós) e O Viso (Lodoselo, Sarreaus), se manifestasen polas rúas da capital do Estado reclamando políticas activas contra o esquecemento do rural, o candidato ao Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense de En Marea, Iván Olmos Ferreiro, arroupado polo líder nacional, Luís Villares, e a deputada autonómica Paula Vázquez Verao, presentou, en nome da súa formación, as principais medidas que proporán os futuros representantes na Cámara Baixa logo dos comicios do vindeiro 26 de abril en materia demográfica e co único gallo de evitar o devastador despoboamento no rural e fixar poboación. Unha delas será a de reclamar a universalidade da educación de cero a tres anos, "non só como mellora do sistema educativo, senón tamén como un instrumento para facilitar a conciliación familiar e laboral. Non imos a entrar en políticas de fomento da natalidade, queremos que a xente decida cantos fillos ter, pero si queremos porlle a aquelas nais que o desexen as mellores condicións para os seus fillos, pairan onde pairan".

"Somos a provincia cos salarios máis baixos de Galicia e unha das do Estado nas que máis se nota a precariedade laboral", dixo Olmos Ferreiro

Para o cabeza de lista por Ourense ao Congreso, Iván Olmos Ferreiro, é fundamental revertir os datos demográficos da provincia, que dende o ano 2000 perdeu 29 mil habitantes entre os 20 e os 39 anos e 6.000 menores de 14 anos. “Somos a provincia cos salarios máis baixos de Galicia e unha das provincias do Estado nas que máis se nota a precariedade”, sinalou Olmos, que anunciou que esixirá dende as institucións do Estado que se poñan elementos para loitar contra esta situación, entre as que se atopa a de solicitar a transferencia total das competencias en materia de inspección laboral, arestora dependentes do Ministerio de Trabajo, á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén defendeu a necesidade de apoiar cambios lexislativos no Estado, como a derogación das dúas reformas laborais, “algo que levamos pedindo dende En Marea hai moitísimo tempo e que é un incumprimento do propio Partido Socialista nestes últimos meses no goberno”. E xustificou a necesidade de avanzar nunha proposta de reforma de modelo de financiamento autonómico “que axude a consolidar os recursos para a Comunidade Autónoma e que nos dea poder fiscal para recuperar o nivel de ingresos e de gastos previos aos recortes derivados das políticas de austeridade do PP e do PSOE”.

Por último, reclamará dende a súa condición de deputado un claro aumento do gasto social para que os servizos públicos de proximidade poidan chegar a todos os fogares do rural da provincia de Ourense e que a sanidade e a educación públicas garantan unha mellor calidade de vida tanto nas cidades como no denostado rural.

Iván Olmos reclamará como deputado a universalidade da educación de cero a tres anos
comentarios