martes 24/11/20
Benita "Canteira" foi unha das primeiras mulleres que vestiu o traxe de peliqueiro

OBITUARIO | "Beni" García Rodríguez, peliqueira

Homenaxe dos veciños de Laza á peliqueira "Benita Canteira", falecida este pasado luns. | FOTO: Veciños de Laza.
Homenaxe dos veciños de Laza á peliqueira "Benita Canteira", falecida este pasado luns. | FOTO: Veciños de Laza.

Benita, ti non deberías morrer nunca

 

Hai uns días deixounos unha veciña de Cimadevila, en Laza: Benita García. Era desas mulleres de edición limitada, desas que se alegran cos éxitos de todos, desas que todas as mañás lle daba os bos días e as boas noites a máis dun cento de persoas, desas que non só queren aos seus, desas das que nunha sociedade que te educa para criticar e xulgar era das que louvaba e apoiaba, desas que non fan entroido, son entroido, desas galegas que tiveron que emigrar pero que estando fóra fan máis Galicia que outros dentro dela.

Así coñecín eu a esta gran peliqueira:

Un 2 de xaneiro do 2012 soou o meu teléfono.

Beni: Hola, es Rubén Riós?

Rubén: Son.

Beni: Pois eu son Beni de Cimadevila.

Rubén: Pois tes que perdoar pero non te coñezo.

Beni: Non te preocupes, o caso é que te coñezo eu; chámote para darche as grazas polo moito que promocionas a nosa zona. E porque te sinto da familia. Entras todas as semanas na miña casa sen permiso.

Rubén: Pois moitas grazas, alédome de corazón.

4 de setembro do 2020

Beni: Rubén, grazas polo "Je suis titiritero", entretenme moito. Teño un desexo cando acabe todo isto. Gustaríame que viñeras a Laza coa túa nai e que trouxera a gaita e facemos unha pequena festa. Hai que armar a marimorena despois deste pesadelo.

Rubén: Por suposto Beni que o faremos. Conta con elo.

A miña primeira conversa e última definen a esta muller xenerosa, agradecida e festeira. Grazas por aparecer na miña vida, querida amiga, o que deixas no meu ser é difícil de explicar con palabras pero moi sinxelo de sentir para sempre. E non foi no único que deixaches este sentir, aquí che deixo o sentir dos teus veciños:

"O peliqueiro levábao na alma, era desas mulleres que sempre tiñan un sorriso, foi das primeiras en pór o traxe de peliqueiro, apaixoada da terra, deixábase querer moito, viña todos os anos, era boa como o seu pai, o canteiro de Cimadevila; era e seguirá sendo parte da identidade do noso entroido".

"Beni", co seu traxe de peliqueira, nunha foto do arquivo familiar. 

Querida Beni: seguro que San Pedro te deixou entrar sen máscara, de peliqueira, cos farrapos, ca cachucha, co licor café, cas formigas, porque aos de fóra sempre lle gustou o noso entroido e as nosas tradicións. O que non sei é se te deixaría entrar ca morena, aí enriba creo que non son moito de animais, aínda que seguro que ao dicir que es a filla do Ricardo "o canteiro" xa te mirarán con outros ollos. Un entroideiro coma el entroida e  fai entroidar a san Pedro, ao Espíritu Santo e a quen se lle poña por diante. Remato esta carta co poema do teu veciño "Dopa", o testamenteiro, e cunha promesa que levarei a cabo.

Beni García Rodríguez,

seis chocos marcan o son,

filla de Cimadevila,

Laza no teu corazón. 

 

P. D.: Xa contactei coa túa familia e o día que traian as túas cinsas a Laza terasnos alí contigo a miña nai Pacita, a súa gaita e a min. Aínda que non nos fai falta ir a esa terra tan bonita para levarte para sempre con nós. Eternamente agradecido, titiriteira "Beni".

Benita García Rodríguez faleceu na madrugada do pasado luns 9 de novembro no País Vasco, onde residía. Un bo número de peliqueiros lazanos decidiron homenaxeala de xeito tan singular e sentido colocando na vivenda familiar en Laza 33 caretas e a morena.

OBITUARIO | "Beni" García Rodríguez, peliqueira
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade