Son cerca de 200 obras, en varias edicións, así como revistas e xornais da época nos que o erudito local publicou

A Biblioteca de Verín xa custodia o legado documental do erudito Eloy Luis André, doado ao Concello polos seus netos

O erudito verinense natural de Mourazos, Eloy Luis André.

A Biblioteca Municipal do Concello de Verín conta xa entre os seus fondos -no espazo dedicado á cultura local- coa obra de Eloy Luis André, ilustre doutor en Psicoloxía e Filosofía, doadas recentemente polos seus netos. En concreto, son preto de 200 obras (en varias edicións), revistas e xornais da época nos que as publicou. Ademais, no depósito figuran até medio centenar de carpetas que conteñen distintos escritos e materiais, como recortes de xornais, mapas e outros.

A sinatura oficial da doazón estaba axendada para a pasada Semana Santa, cando Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut (netos de D. Eloy Luis André) tiñan previsto acudir a Verín para formalizar o acordo. Por mor da pandemia da covid-19, este acto aprazarase ao mes de xullo do presente ano.

Algunhas das obras depositadas na Biblioteca Pública Municipal de Verín. | FOTO: Vicente Rodríguez. 

Toda a documentación de Eloy Luis André xa está sendo obxecto de custodia, conservación, estudo e análise documental por parte dos responsables da Biblioteca Municipal: Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.

De xeito moi destacado, esta entidade conta coa inestimable e desinteresada participación do prestixioso investigador galego Xosé Ramón García Soto, Facultativo Psicólogo Especialista en Psicología Clínica do Equipo de Salud Mental Infanto-Juvenil de Burgos. Tamén están a colaborar de xeito desinteresado Mónika del Castillo e Rubén Couto na traducción dos distintos escritos orixinais en lingua alemá e transcrición dos mesmos. A súa participación, como coñecedores nesa materia, resulta inestimable. Adicionalmente, Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega e colaborador habitual desta biblioteca axuda na evolución dos traballos.

Tamén, un visionario coa súa "Variante André"

Probablemente, a figura de Eloy Luis André pasa moi desapercibida na comarca do Támega, sendo tan só relacionada co caso da coñecida como a “Variante André”: a vía férrea que debía comunicar as grandes e medianas vilas do sur de Galicia, co tecido económico do norte de Portugal e co resto da Península. Fronte a esta proposta deseñada e promovida por Eloy Luis André, a opción que no seu día impuxo o Ministerio de Fomento fai posible que, hoxe en día, o tren transite pola rochosa cerna do Macizo Central Galaico e lonxe dos núcleos de poboación.

Por todo isto, a Biblioteca do Concello de Verín realizou nestes meses un pequeno espazo web onde se achega, tanto a investigadores como a calquera outra persoa interesada, unha noción previa suficiente sobre quen foi o erudito Eloy Luis André. Tamén está dispoñible unha cronobibliografía básica para ampliar coñecementos ó respecto dentro da web: www.bibliotecadeverin.es

Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, quixo agradecer á familia de Eloy Luis André a importante doazón realizada xa que "sen dúbida, supón unha importante ampliación do patrimonio cultural da nosa vila e unha gran achega para a nosa biblioteca".