Venres. 29.03.2024
deseñador jorge alvarez
O deseñador vianés, Jorge Álvarez.

O deseñador galego, Jorge Álvarez, máis coñecido coma Jorge de Álvarez, (Viana do Bolo, 1992) presentará o vindeiro 8 de agosto, catro coleccións, na súa localidade natal, Viana do Bolo, nun desfile onde amosará os deseños que foi creando ao longo deste ano.

Nun avance do que será o acto, o modisto vianés explica que poderánse ver catro das súas coleccións no Toural, nun acto que estará conducido polo produtor e cineasta ourensán, Rubén Riós. "Unha de moda de baño, con seis pezas femininas e seis masculinas; a colección coa que quedei segundo en Madrid; outra que fixen xunto a Rubén Riós para o proxecto do Camiño -Latexos do Rural- e, por último, unha colección que fixen estes meses que ten doce pezas".

Desta última colección, resalta que a roupa destaca por ter unha liña "máis comercial" en tonalidades "pastel, moi pija", nun guiño a tendencia. De feito, o nome que recibirá, é o de "Cayetana". Nela aparece o vestido que empregou Carla Vigo, sobriña da Reina Letizia, para unha entrevista en papel couché.

O evento, organizado coa colaboración co Concello de Viana e a Asociación Robreda, comezará ás 19:30 horas, contará coas actuacións musicais de Paulinha d’Arzoá e Noelia Solleiro, autora -esta última- do tema ‘Vive Galicia’ e quen recentemente levou un dos seus deseños a Santiago de Compostela con motivo dos actos do Día do Apóstolo. 

Para asistir, "será obrigatorio o uso de mascarilla e xel, ademais de manter a distancia de seguridade, e se a cousa se complica procederemos a cancelar o evento", comenta.

"A idea deste desfile é sacar á xente da rutina e ofrecer unha tarde diferente, que non sexa o mesmo de sempre", sinala o deseñador, quen reflexiona sobre o percorrido feito neste último ano. 

cartel desfile

Virtuoso da agulla e o fío, a súa idea é continuar afondando nos diferentes estilos sen perder ese "estilo barroco, de patronaxe clásico, que é o que máis me gusta, pero dándolle ese toque distinto". Unha das cousas que non poden faltar nos seus deseños, son "os bordados nin as plumas", di.

Gústame o estilo barroco e o patronaxe clásico pero dándolle un toque distinto

 

Polo momento, este vianés, que xa pensa en facer un descanso no que atinxe a súa presenza en concursos, defende a moda transxénero, posto que "toda a ropa pode vestila un home ou unha muller". 

Proxectos non lle faltan. De feito, xa contactaron con él para colaborar no vestiario dunha película que vai rodarse en Galicia e que ten un claro trasfondo social, como é o colectivo trans. De Álvarez vestirá a dous actores da película.

Jorge de Álvarez: "Gústame dar un toque distinto ás miñas coleccións"