Máis de 1.000 verinenses acudirán á manifestación pola loita da Sanidade Pública en Santiago

Cartel da vindeira manifestación en defensa da sanidade pública galega en Santiago de Compostela.

Este domingo, 9 de febreiro, ás 12:00 horas celebrarase en Santiago de Compostela unha manifestación en defensa da Sanidade Pública Galega, a que acudirán un gran número de veciños da comarca.

Santiago de Compostela acollerá este domingo, 9 de febreiro, unha manifestación en defensa da Sanidade Pública Galega. Sairase ás 12:00 horas do parque da Alameda, e percorreranse as rúas da cidade para reclamar un servizo público e de calidade.

Dende a estación de autobuses de Verín saíran 6 autobuses de Socitransa e a saída efectuarase ás 09:15 horas. Para mercar o billete hai que facelo de maneira anticipada na propia estación de autobuses e o custo son 7 euros. Na Mezquita saíran 2 autobuses máis da empresa M. Pérez, e a CIG tamén leva outro máis. Estímase que máis de 1.000 verinenses acudan á manifestación, contando as persoas que xa están en Santiago, os que van en autobús e os que se desprazan á capital galega no seu propio vehículo.

Aurora Sola, a voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei asegura que "vai ir moita xente de toda a comarca, porque están moi mobilizados e sensibilizados co tema". A pesar de que se reabrira o paritorio e as urxencias pediátricas -feito que contenta á poboación-, os veciños e veciñas da comarca queren seguir loitando para reivindicar os servizos e profesionais que precisa o Hospital de Verín.

Manifestación do 30 de novembro en Verín, loitando para que reabriran o paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital Comarcal.

Na manifestación berrarase contra o deterioro da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos Hospitais Públicos, contra as listas de espera e a precariedade do persoal da sanidade pública, e contra a privatización da Sanidade Pública Galega.