martes. 16.04.2024
Os transportistas da comarca reinvindicaron cun vistoso desfile a súa destacada relevancia na economía local

O inxenio e a espectacularidade dos camións de Verín abouxaron á vila no día do seu patrono

Aos verinenses quedoulles claro este sábado que o sector do transporte é un dos máis relevantes da comarca. Unhas oitenta cabezas tractoras, moi engalanadas para a ocasión, convertiron a xornada sabatina en toda unha festa da familia e do claxon, no que xa é, sen lugar a dúbida, o desfile de camións na honra do San Cristovo máis espectacular da comunidade autónoma.

camións2019doraemon
Os camións presentaba todo tipo de motivos decorativos, algúns alusivos ás preferencias dos cativos da casa. FOTO: Alejandro González.

CRÓNICA | Ana Noguerol

Arredor das once da mañá, dous cafés non eran suficientes para que a servidora afrontase os seus quefaceres matutinos fronte a pantalla dun portátil con multitude de páxinas abertas. Cando xa estaba en disposición de facer o terceiro, un bucinazo conseguiu o que non fora posible en horas. Un “hoxe é o día dos camións” rondou inmediatamente pola miña cabeza, e de xeito automático tanto o meu corpo como o meu mermado cerebro asumiron que unha intensa -e divertida- xornada de traballo estaba por vir.

Ese bucinazo, dun dos camións que inauguraron a xornada festiva en diferentes puntos da vila, lembroume que un día que homenaxea a labor dun sector de gran relevancia para a economía de Verín produce a indiferencia de moitos e incomoda a outros tantos.

Externa ao sector da indiferencia e da incomodidade, preparo as miñas cousas para o que sería unha tarde de faena baixo un sol abafante. A toda velocidade dirixo as miñas curtas e patosas pernas até as inmediacións da lonxa agropecuaria, onde agardan pola chegada dos asistentes familias, amigos e compañeiros de traballo a golpe de asubío. De feito, a primeira imaxe que materializo na miña chegada é a dun neno trepando até o asento do conductor para ser o artífice dun novo son, que paulatinamente se integraría cos que xa levaban no aire un bo anaco. Os cativos xogaban a ser adultos, e esa percepción transmitía para os meus adentros, canto menos, tenrura.

Figuras de San Cristovo, máscaras de cigarrón, bandeiras, mapamundis coa localización de Verín, flores, fotomontaxes, pequenos muíños de vento… Un ilimitado abano de cores e formas para todo curioso nesa tarde de sábado

Dou un paseo na previa da saída, e o sentimento de abraio aumenta a medida que avanzo entre ringleiras de camións. Figuras de San Cristovo, máscaras de cigarrón, bandeiras, mapamundis coa localización de Verín, flores, fotomontaxes, pequenos muíños de vento… Un ilimitado abano de cores e formas para todo curioso nesa tarde de sábado. Atópome cun par de amizades, e estes encontros provocan saúdos emocionantes pero a berros. Todo o que onte se falaba perto deses mastodontes era a berros. Berros de emoción e de celebración.

camións2019mariposasO inxenio decorativo deixouse notar no engalanamento das cabezas tractoras. | FOTO: Alejandro González.

Sitúome nunha esquiniña a agardar a saída do que sería un enérxico desfile. Boto un ollo á barra, na que localizo aos máis festeiros xa a golpe de cubata. Afortunados, xa que os protagonistas da motorizada procesión aínda terán que agardar case un par de horiñas para refrescar a gorxa. Encabeza e marca o ritmo un camión amarelo decorado con flores e teas brancas que aloumiñan a figura do santo. No segundo camión, o venerable sitúase diante dunha pequena capilla, e está acompañado de tres bonecos que levan o traxe tradicional galego.

Tres camións rompen coa dinámica da decoración, e portan algunha que outra bandeira internacional sobre a súa cor básica, para dar paso a todo un folgorio de gamas cromáticas que imitan filmes e animes infantís tan clásicos e queridos por todos como Doraemon, Toy Story e os Minions. E tamén podo afirmar que había moito animal print.

camións2019bonecosNon cabe dúbida de que alguén dos que ían dentro é moi fan dos Minions. | FOTO: Alejandro González.

A caravana avanza en dirección ao balneario de Sousas, para pegar volta e pitar por toda a rúa para os espectadores que agardaban para sacar fotos e vídeos ou simplemente saudar. Xira para a rúa de San Félix, coa finalidade de tomar traxectoria na avenida de Castela. É no fin deste bulevar onde comeza a maior afluencia -coma se dunha volta ciclista se tratase- que se estende ata o final da Luis Espada.

Os sentimentos que este desfile provoca difiren dependendo da situación do habitante: non é o mesmo velo dende fóra, de paseo, que dende un coche retido pola policía local

A medida que avanzo, vexo caras de ledicia e caras de consternación ao máis puro estilo das máscaras que simbolizan a actividade teatral. Os sentimentos que este desfile provoca difiren dependendo da situación do habitante: non é o mesmo velo dende fóra, de paseo, que dende un coche retido pola policía local. Pese a todo, o dereito a celebrar dos nosos camioneiros é innegable. O punto medio do traxecto é a glorieta de San Lázaro, onde os camións toman de novo a Luis Espada e comezan a atoparse os uns cos outros. No guión cinematográfico este momento recibiría, sen dúbida, o calificativo de climax. Pero este desfile é aínda mellor que unha película.

OS CHÓFERES RECIBIRON O AGARIMO DOS VERINENSES

Unha canción da banda sonora de Sons of Anarchy - unha serie estadounidense que relata as aventuras dunha gang de moterios-, The Life de Curtis Stigers, non deixa de soar na miña cabeza. Di así -traducido do inglés-: percorrendo este mundo completamente só, Deus acolle a túa alma, estou no meu camiño. A única diferencia é que no canto de moteiros, son camioneiros, e que ademais non están sós. Os camiños poden ser duros, pero sempre recibirán o calor e o cariño das amizades e das familias da comarca coma onte ben poideron comprobar.

Na volta á agropecuaria, hai un camión que chama especialmente a miña atención. Del colga un cartel onde se pode ler que “o maior orgullo dun pai é a admiración dos seus fillos”. Simbólico e emocionante, verdade? Nunha sentencia resúmese mellor que de calquera outra maneira -incluso tamén mellor que nesta crónica- o espírito da festividade. Na rúa Deputación os camións continúan o seu ronsel para conquistar a rúa Irmáns Moreno. Alixéirase a velocidade e pouco a pouco as engalanadas cabezas tractoras chegan ao destino, onde agarda por eles o cura para botarlles auga bendita.

camións2019corazónHoubo quen quixo aproveitar a conmemoración deste San Cristovo 2019 para adicarlle o día á súa familia. | FOTO: Alejandro González.

Os 75 vehículos que participaron deste evento aparcan cada un no seu lugar. Os pitidos continúan e a música está a soar cada vez máis alta. A a misa na honra a San Cristovo deixará paso ás charangas e á discomóbil. Chega o momento de que todos estes divertidos condutores disfruten do seu día, e tamén da súa noite. Conclusión? A festa dos camioneiros é a bomba, e eu hoxe estou un pouco máis xorda.

O inxenio e a espectacularidade dos camións de Verín abouxaron á vila no día do seu...