Venres. 29.03.2024
Milleiros de mulleres berraron forte este domingo en Verín, nunha manifestación previa ó 8M. | FOTO: Concha Caneiro
Milleiros de mulleres berraron forte este domingo en Verín, nunha manifestación previa ó 8M. | FOTO: Concha Caneiro

24 autobuses. Arredor de 3.000 persoas. Folga feminista previa ó 8M. Hoxe non foi un domingo calquera na vila de Verín. A agrupación Galegas 8M foi a responsable de organizar esta manifestación a nivel autonómico que abre as portas ás do 8M o vindeiro domingo. O feminismo galego uniu forzas en Verín para reivindicar unha sociedade sen patriarcado e na que os coidados, realizados maioritariamente por mulleres, se visibilicen e teñan recoñecemento.

As Galegas 8M escolleron Verín para esta marcha única previa ó Día Internacional da Muller debido á loita continua e sen descanso que exerceron os veciños de Verín contra a decisión da Xunta de Galicia de pechar o paridorio e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín, feito que rectificaron debido á forza e alento da veciñanza da comarca, que se sentiu en toda Galicia.

A Coruña, A Gudiña, Foz, Burela, Allariz, Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Sada, O Porriño e moitos outros lugares foron o punto de partida dos miles de mulleres que chegaron hoxe á comarca. Arredor das 12:30 horas da mañá, pancartas, carteis, berros e música, arrancaron do IES Xesús Taboada Chivite cara a Praza Maior, enchendo as rúas de berros como "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", "Feijoo, escoita, Verín está en loita", "Feminismo para adiante, machismo para atrás" e "Somos moitas, máis que cando empezamos, coidado, avisámosvos". E por suposto, "Verín non se pecha".

1MVERÍN (11)A veciñanza que loitou polos dereitos do Hospital de Verín foi chave para que a marcha do 1M se celebrara en Verín. | FOTO: Concha Caneiro.

"Sen coidados non hai vida" foi o lema da marcha, que reuniu na Praza Maior a todas as mulleres para que escoitaran o manifesto, redactado de forma conxunta por todas as organizacións e colectivos que compoñen Galegas 8M. A súa lectura correspondeu a Cristina Huete -xornalista-, que fixo fincapé na importancia dos coidados e da visibilización do esforzo que supón; Susana Bueriberi -verinensa adicada aos coidados e que participou activamente na defensa do paridoiro-, recalca a importancia de non excluir a ninguén e a necesidade de recoñecer o valor dos coidados; Daniela Ferrández -activista trans e feminista-, destacou polo seu berro de igualdade "querémonos todas e todes"; e Rosana Méndez -enfermeira do Hospital de Verín-, que fixo forza na idea de que se se muda o sistema é posible derrubar ó patriarcado.

A cita rematou coa actuación dunha artista local e feminista, Neizz, para continuar, á tarde, na Praza Maior con foliada. Esta foi a primeira das reivindicacións que se teñen preparadas para este 8M do 2020, no que está previsto que o feminismo galego volva saír á rúa con garra e forza para manifestar o seu pulo e vigor.

Miles de mulleres berraron a prol do feminismo galego en Verín