luns 26/10/20
Oímbra, Verín, Laza, Monterrei ou A Gudiña habilitan teléfono para casos de extrema necesidade

Os maiores con dificultades, prioridade para os Concellos da comarca

Os responsables da farmacia de Oímbra levarán os medicamentos ás aldeas do municipio.
Os responsables da farmacia de Oímbra levarán os medicamentos ás aldeas do municipio.

A práctica totalidade dos concellos da comarca están habilitando procedementos para prestarlle axudas, dende os seus respectivos Servizos Sociais, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil ou mesmo persoal municipal aos colectivos máis desfavorecidos nesta crise, fundamentalmente os maiores e, sobre todo, aqueles que presenten unha situación económica moito máis difícil

O último do municipios en sumarse a esta iniciativa, ampliándoa de xeito que calquera dos seus habitantes non terá que desprazarse ata as dependencias da farmacia, foi Oímbra. Segundo anunciou esta mesma mañá a súa alcaldesa, Ana María Villarino Pardo, os responsables do establecemento dirixiranse a cada un dos centros sociais das aldeas do Concello para facer puntualmente a entrega dos medicamentos que os médicos de cabeceira lle cargaran previamente no sistema informático do Sergas. Para dispor deste servizo só terán que chamar ao 988.42.62.47 e concertar o suministro. 

O Concello de Oímbra tamén estará a disposición dos máis necesitados, sobre todo daqueles maiores que teñan mobilidade reducida e que non poidan desprazarse para mercar alimentos ou outros bens de primeira necesidade. Para máis información, só terán que chamar ao 988.42.61.60.

Os Servizos Sociais do Concello de Verín, e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín habilitaron tamén un servizo de aprovisionamento de alimentos e medicinas para os casos de extrema necesidade e urxencia. O novo servizo vai dirixido a todas aquelas persoas maiores que vivan soas e/ou teñan mobilidade reducida para facilitarlles a chegada de produtos de primeira necesidade. O Concello de Verín informa de que todos os usuarios dos Servizos Sociais e de Dependencia do Concello como os rexistrados nas listas de esperas dos respectivos servizos, foron informados deste servizo.

Se algunha persoa do Concello de Verín, que sexa maior e estea soa, necesita este servizo pode chamar ao 988.41.47.76 (Servizos Sociais) de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O Concello de Laza, tamén dende a súa tenencia de alcaldía e a Área de Servizos Sociais, vén de anunciar un número de teléfono, 988.41.09.78, que estará dispoñible en colaboración coa Cruz Vermella de Monterrei para asistir a todos aqueles que non poden saír da casa para facer a compra, ir á farmacia ou mesmo acudir ao médico. 

A Gudiña tamén ofrece un servizo similar, con só chamar ao 988.20.90.39 entre as 9:00 e as 14:00 horas, co fin de xestionar a recollida e envío da compra ao domicilio do solicitante. 

En Monterrei, todos aqueles que estén nunha situación similar só teñen que chamar ao 988.41.80.02, como así confirma o seu rexedor José Luis Suárez Martínez, para obter a axuda que precisen nos casos máis extremos. 

Os maiores con dificultades, prioridade para os Concellos da comarca
comentarios