martes 02.06.2020
A Escola de Artes e Oficios de Verín uniu a estes artistas

Alba Barreira e Jorge López expoñen 20 pinturas na Arca da Noe, en Vilar de Santos

Estes dous mozos quixeron darse a coñecer e amosar todo o mundo interior que agochan as súas pinturas. A Arca da Noe, en Vilar de Santos, deulles a oportunidade de expor durante máis dun mes e medio as súas obras.

"Músicos do Pórtico da Gloria", unha obra en conxunto de Alba Barreira e Jorge López. | FOTO: Alba e Jorge
"Músicos do Pórtico da Gloria", unha obra en conxunto de Alba Barreira e Jorge López. | FOTO: Alba e Jorge

Alba Barreira Salgado e Jorge López Dobarrio son dous alumnos da Escola de Artes e Oficios de Verín que levan anos pintando e creando. Tras traballar xuntos na Escola, animáronse a expor algunhas das súas obras, individuais e colectivas, na Arca da Noe, un bar que ten cabida para a arte, en Vilar de Santos. Sen unha temática e sen un patrón a seguir, Alba e Jorge escolleron 20 obras para que as persoas que pasen por alí interactúen co mundo interior destes mozos.

Jorge López Dobarrio    Título- Imperfecto

"Imperfecto" de Jorge López, unha das obras que se atopa na exposición. | FOTO: Jorge López.

Por que decidiron expor neste local?

Alba Barreira: Realmente xurdiu improvisando. Éramos coñecedores de que alí se fan actuacións e un día paramos a tomar algo cuns amigos e atopámonos que estaba ensaiando un trío flamenco. A raíz dese momento falamos coa propietaria e ofrecémonos a expor e eles aceptaron. Así foi como decidimos facelo.

Cando comezou a exposición na Arca da Noe en Vilar de Santos? E ata cando van estar as súas obras expostas alí?

Jorge López: A exposición inaugurouse o domingo 29 de decembro de 2019 e rematará sobre o 15 de febreiro.

De cantas obras se compón a exposición?

A. B. : Son 20 as obras que se atopan na Arca da Noe. Jorge aportou catro lenzos ó óleo e tres debuxos a lapis. E eu teño tres lenzos ó óleo, unha acuarela e dous debuxos a rotulador. En conxunto temos un dúo ó óleo e seis caixas de madeira pintadas.

Como xurdiu a idea de traballar en conxunto?

J. L. : Coñecémonos na Escola de Artes e Oficios de Verín -da cal somos alumnos- fai uns anos. Neste curso a nosa mestra Marilar Salgado ocorréuselle que podiamos traballar xuntos, e dado que o resultado foi bo decidimos aventurarnos a expor en conxunto.

Que nos podemos atopar na exposición?

A. B. : É unha mistura de creatividade, poden atoparse obras cunha visión máis enfocada á beleza do corpo e obras rechamantes feitas con diferentes materiais que fan voar a imaxinación do observador.

Como definirían a pintura -no sentido artístico-?

J. L. : É unha maneira de comunicarse coa xente, de transmitir un sentimento, de transportala ao seu ser interior.

A. B. : Unha ferramenta para sacar ao exterior todo o que unha persoa garda no seu interior e ao mesmo tempo facer de espello da sociedade e transmitir información.

Que pretenden amosar coas súas obras?

J. L. : Procuro transmitir o lado máis profundo de cada un.

A. B. : Que cada persoa faga a súa propia interpretación sen estar condicionada pola miña idea. Eu expreso o que sinto pero gústame ver como cada persoa ve algo diferente.

Alba Barreira Salgado   Título-Area

"Area" de Alba Barreira, unha das obras que se atopa na exposición. | FOTO: Alba Barreira.

Se Alba tivera que definir a obra de Jorge e Jorge a de Alba, que dirían?

J. L. : Son obras elaboradas nas que cada detalle ten un porqué, as cousas milimetradas e nada está ao azar.

A. B. : Podemos ver e sentir a calor e o seu amor polo corpo humano e a pel, xunto coa súa capacidade de "capturar" as almas, facendo sinxelo identificar as súas obras.

A exposición está tendo boa acollida?

J. L. : Si, as obras están gustando e nós estamos contentos, aínda que nerviosos por ser a primeira vez que expomos sós, pero a experiencia, en definitiva, está sendo boa.

Volverán a traballar en conxunto?

A. B. : Posiblemente, o tempo dirá.

Entón, algún posible proxecto futuro?

J. L. : Estamos abertos a calquera posibilidade, tanto en conxunto como por separado, de momento temos algún que outro encargo.

Alba Barreira e Jorge López expoñen 20 pinturas na Arca da Noe, en Vilar de Santos
comentarios