Venres. 29.03.2024
O exavogado Adolfo Taboada Sanz, recíbenos no seu despacho. | FOTO: Iván Iglesias
O exavogado Adolfo Taboada Sanz, recíbenos no seu despacho. | FOTO: Iván Iglesias

Don Adolfo Taboada Sanz recíbenos, sorrinte, na porta da súa residencia onde, claramente, lemos un impoñente "Bufete Taboada". Xa dentro, descubrimos un maxestuoso despacho, testemuña de moitas historias que, como se dun segredo de sumario se tratara, non quixo desvelar. Rodeados de fotos familiares -algunha co seu tío Xesús Taboada Chivite ou unha máis recente, do seu neto, recén estreado xornalista, Íñigo Rolán- e dun infinito número de libros, sentamos e preparámonos para escoitar. "A miña vida é moi longa, poderiamos estar aquí días ou meses", afirma, rindo.

Comezamos entón polo seu pasado máis recente. Lonxe de parar, cando se xubilou como avogado, comezou a adicarse a varias das súas predileccións: a heráldica, a xenealoxía e, por suposto, ao golf. "Que outra cousa podería facer?", comeza dicindo, cando lle transmitimos o sorprendidos que estamos de que, aos seus 87 anos, teña tanta enerxía. "Nunca puiden estar quieto, sóbrame o tempo. Dende que me xubilei adiqueime a estudar e sigo con moitas ganas de facelo", continúa. 

Dende que me xubilei paso o tempo xogando ao golf e estudando e sigo con moitas ganas de facelo (Adolfo Taboada)

Parece que a avogacía é unha profesión na que os anos son un acicate para non parar -para el, en calquera das súas paixóns-. Confirmamos esa premisa cando descubrimos que temos diante a un polifacético e histórico home. Non só por ser un dos letrados máis recoñecidos da comarca. "Fun director do servizo de Telégrafos, despois de Correos, avogado, presidente do Casino, da Asociación de Caza e Pesca... Incluso correspondente dun medio de comunicación ourensán. Fixen de todo", insistía.

Amor pola heráldica 

Despois de medio século exercendo como avogado, Taboada Sanz atopou lugar para a investigación. "Primeiro coa xenealoxía, seguindo unhas ideas que me deixou o meu tío Xesús (T. Chivite). Fíxenme coas súas árbores xenealóxicas e comecei a estudar o arquivo parroquial", conta. "Se sigo esta ciencia teño 17 apelidos seguidos", engade, orgulloso.

Este último sentimento, o orgullo, tamén se percibe cando relata sobre a gran relación que tivo co seu tío. "Fun o seu sobriño, o seu único afillado, empregado e compañeiro. Tamén o seu avogado e agora, sucesor nisto da investigación. Ata levo Xesús de segundo nome", apostila. 

Adolfo Taboada amósanos a súa páxina web. | FOTO: Iván IglesiasAdolfo Taboada amósanos a súa páxina web taboazasanz.es. | FOTO: Iván Iglesias

Seguindo ese arquivo parroquial do que fala, comezaron a aparecer historias relevantes que o fixeron reconducir o seu interese cara a heráldica. "Teño un arquivo con centos de escudos. É unha ciencia moi difícil para a que hai que estudar. A súa linguaxe é particular, non ten nada que ver coa nosa lingua", afirma. "Por exemplo, 'vermello' dise 'gules' e 'verde', 'sinople", explica.

Tamén descubriu, seguindo esa liña, varias igrexas e ermidas, a maioría desaparecidas, que existían na nosa vila. "Había moitas. A da Nosa Señora da Estrela; a ermida da Misericordia, que estivo durante 400 anos a carón da Mercé e desapareceu hai 60; ou a ermida de San Roque. A maioría xa non son recordadas", relata.

Taboada Sanz continuou enumerando algunhas delas ata que incidiu nunha en concreto. "Esta é unha historia curiosa. Atopei o testamento de Francisco de Castro, dono da Casa do Escudo. Descubrín que nel falaba dunha ermida, a Nosa Señora da Fe. Fixen traballo de campo pero ninguén sabía nada dela ata que fun ao catastro. Figuraba nos arquivos e puiden demostrar que a ermida fora destruída pero o nome quedou".

Sabedoría inmortalizada

Todo este traballo levouno a ser recoñecido como o Delegado Territorial da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia na comarca. E, froito disto, do seu amor por estas disciplinas e maila avogacía, fixo que, hai só dous meses, se decidira a plasmar todos estes achados en dous libros autoeditados. "Iglesias y hermitas de la villa de Verín" e "Recuerdos de mi vida profesional en la abogacía".

Os dous libros autoeditados e recén estreados de Adolfo Taboada Sanz. Atrás, o arquivo parroquial no que se baseou para unha das obras. |  FOTO: M. D.Os dous libros de Adolfo Taboada Sanz. Atrás, o arquivo parroquial no que se baseou para un deles. |  FOTO: M. D.

"O segundo é máis complicado de entender para o público xeral porque é moi especializado, utilizo termos xurídicos, conto conciliacións, xuízos... Historias da miña vida interesantes para alguén que comprenda o que está a ler", anuncia, mentres recorda que ambas obras xa están á venda en dúas librarías de Verín -Carlin e Monterrei-. "Non pretendo ser escritor, só pasar o tempo e compartir as miñas experiencias con persoas que as queiran escoitar", conclúe. 

O exletrado, Adolfo Taboada: "Dende que me xubilei paso o tempo xogando ao golf e...