jueves. 25.04.2024
subdelegación
A Subdelegación do Goberno resolveu que Olga debe abandonar o territorio nacional ou será expulsada.

Ucraína é unha nación eslava que se constitúe no segundo maior Estado soberano de Europa en extensión xeográfica. Trala súa independencia  en decembro do 1991, teñen sido moitas as tensións territoriais co seu veciño do norte, Rusia. Logo da crise da península de Crimea, cuxos habitantes manifestaron a súa vontade de pertencer a Rusia mediante un referendo que non foi recoñecido pola ONU, comezaron importantes disturbios nas rexións do este e o sur do país. Iniciouse un conflito armado nas rexións de Donetsk e Lugansk, onde mentres as milicias locais, algunhas próximas ao nacionalismo ucraíno, ocuparon algunhas sedes gubernamentais; os rebeldes prorrusos armados declaraban a independencia de ámbalas dúas rexións e se facían co absoluto control da zona. Neses días, chegaban a Donetsk decenas de camións rusos ataviados con suposta axuda humanitaria para as familias ucraínas que residen na zona. Ao abrir as portas traseiras dos vehículos, a poboación descubría como trala aparente vontade humanitaria, apenas había unha oportunidade do goberno de Putin para armar aos seus rebeldes. Os camións baleiraban comida, si. Insuficiente para alimentar ás familias dunha zona paralizada polo conflito territorial e político. Insuficiente porque dos vehículos os rebeldes descargaban armas para os seus e para aqueles ucraínos que se ven obrigados a loitar do lado prorruso a cambio de algo de diñeiro para poder subsistir. A situación de parálise económica e política que sofre Donetsk en todo o leste do país non é casualidade. Os camións enviados polo Kremlin non voltaban sen peso. Os rebeldes prorrusos encargábanse de enchelos con todo aquilo que sacaban tras baleirar fábricas e empresas da zona. E proseguía o conflito.

Non hai evidencias de todo o anterior e, seguramente, no conflito xeopolítico existente entre Rusia e Ucraína, haxa múltiples intereses que ben poderían axudar a enfocar o contexto da situación de xeito diferente. Non se trata de establecer unha falsa dicotomía sobre cal das partes en conflito ten máis ou menos razón. Mentres o poder dos rebeldes prorrusos armados polo Kremlin van intentando facerse co control da zona en resposta aos seus obxectivos imperialistas e de control xeoestratéxico, a dereita conservadora ucraína aproveita a situación para traducir politicamente o seu odio anticomunista, coma cando no ano 2015, a Xunta Administrativa do Distrito de Kiev validou a petición do Ministerio de Xustiza ucraíno prohibindo as actividades do Partido Comunista na Ucraína, decisión xa recurrida ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

O que si fica claro é que son centos as persoas que morreron dende que o conflito comezou no leste da Ucraína e, segundo a ONU, preto de 1.800.000 refuxiados ucraínos fuxiron a outras partes do país mentres 760.000 o facían a outros Estados europeos. Isto só dende o comezo da escalada no 2014. Guerra civil para a Cruz Vermella. Estado fallido para moitos outros. Poucas solucións para os miles de cidadáns que sofren as consecuencias.

"Guerra civil" para a Cruz Vermella. "Estado fallido" para moitos outros. Poucas solucións para os milleiros de cidadáns que sofren as consecuencias.

Son as 18:05 nunha das habituais tardes de verán en Ourense. O sol pica máis ca o que quenta e a xente refúxiase no aire acondicionado dos locais da zona vella da cidade. Pola porta do Café Latino entra unha muller loira e de ollos azuis, que mira ao seu arredor nerviosa e algo desorientada. Fágolle acenos dende a parte de arriba do local. Ao subir doulle as grazas por vir e percibo a súa desconfianza ao nos saúdar. O seu castelán non é moi fluído e iniciamos unha conversa que viaxa do inglés ao español de xeito constante para garantir a mutua comprensión. Intento tranquilizala e xerar un clima de confianza. Non falaramos antes pero sabe para que estamos alí. Non está convencida de querer contar a súa historia, vítima da irracionalidade dos medos que se construíron sobre a súa experiencia. Olga –así quere que escriba o seu nome ucraíno para evitar que a identifiquen– non pode evitar botarse a chorar cando lle pido que me conte a súa historia dos últimos dous anos. E non é para menos.

A nai de Olga reside na rexión de Donetsk. Octoxenaria, sen posibilidade de acceso a internet, non ve á súa filla dende novembro do 2017. Tampouco ao seu neto –o fillo de Olga–, que malia residir no país eslavo, atópase traballando a máis de mil kilómetros de distancia da súa avóa e con imposibilidade de visitala por medo ás máis que posibles consecuencias. El, ao igual que súa nai, foi próximo ao nacionalismo ucraíno. Pero non me caben xuízos de valor político-ideolóxicos nesta historia. 

A Olga diagnostícanlle un cancro que urxía ser tratado. O elevado custo do tratamento de quimioterapia na Ucraína forzouna a coller as maletas en busca de maior facilidade para o seu tratamento. En setembro do 2017 viaxa dende Kiev a Porto para encamiñarse posteriormente a Pontevedra, onde reside dende hai anos e con cidadanía española súa irmá e a familia desta. Soamente se lle permitía permanecer no Estado español durante tres meses en calidade de turista, e se pasados os tres meses decidía voltar ao seu país, para visitar a súa nai, non podería voltar. Apenas dous meses despois de ter chegado a Galicia, inicia o seu tratamento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde tras se empadronar consegue un permiso de residencia temporal. Aluga unha pequena vivenda na cidade das Burgas grazas ás múltiples axudas de amigos e colegas –Olga é enxeñeira e economista– que lle achegan preto de cinco mil euros para facilitarlle a súa estancia. As relacións coa súa familia residente no país comezan a se tensar e estes desenténdense dela pasados os primeiros meses. Olga fica soa. Sen coñecer o idioma. Cun tratamento de cancro iniciado. Co diñeiro xusto para sobrevivir. E cun permiso de residencia temporal. Ante esta situación, comeza a pecharse na súa casa e enferma. Depresión. Unha depresión que comeza a tratar grazas ao compromiso desinteresado dunha psicóloga ourensá angloparlante que foi, nas súas palabras, un dos seus maiores apoios en todos estes meses. E Olga é quen de tirar cara adiante e inicia aulas de español en Cáritas. –Cáritas, ao comezo, axudáronme co español, pero quen máis me teñen axudado son as membros da Asociación Española Contra o Cancro–, afirma. E non pode evitar chorar. –Son moi boas persoas e axudáronme tanto que eu non entendo por que e como llelo vou poder recompensar–.

A "autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais inicial" remata e Olga ten que voltar a Ucraína. Alí non podería continuar coas revisións, polos custos da sanidade que non pode asumir.

Olga remata as sesións de quimioterapia. O cancro comeza a desaparecer pero ela debe continuar con revisións periódicas segundo o seu propio informe médico ao que puidemos ter acceso directo. O problema é que a autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais inicial remata e Olga ten que voltar a Ucraína. Alí non podería continuar coas revisións, polos custos da sanidade que non pode asumir. Tampouco podería quedar onde súa nai polo perigoso da situación. Presenta recurso de reposición con data de 24 de xuño deste mesmo ano adxuntando informe médico no que se argumenta que “está pendente de completar o seu tratamento (…) polo que todavía non está plenamento curada do seu cancro” así como que “debido á situación do seu país de orixe se atopou na obriga de se quedar en España”. Olga solicitaba no seu recurso unha autorización de residencia e traballo por circunstancias excepcionais. Si, traballo. Porque o permiso do que ata entón dispuña imposibilitaba que alguén a puidese contratar –a pesar das ofertas recibidas como docente de inglés, pois o non dominio do castelán nin do galego non posibilitou outras alternativas–.

A resposta chega da Subdelegación do Goberno –asinada polo subdelegado Emilio González– o pasado 1 de xullo:

IMG_6622

Olga debería ter abandonado o Estado español este pasado martes e enfróntase á posibilidade de ser expulsada ao seu país de orixe. Sen o cancro curado. Sen diñeiro. Á deriva. E sen poder voltar a España posteriormente. Só un recurso pola vía xudicial podería retrasar temporalmente esta situación. 

Olga é unha valente. E non é a única. É o paradigma da valentía de milleiros de persoas que se enfrontan á imperiosa necesidade de abadonar o seu país para protexer a súa vida e a dos seus. É o paradigma de como a lei pode ser interpretada de xeito restritivo mesmo por parte dun goberno coma o actual. É o paradigma da inflluencia dos intereses xeopolíticos na vida das persoas. 

Toda a información escrita nesta reportaxe foi correspondentemente acreditada a quen escribe, a través de toda a documentación deste proceso. Pero Olga segue a precisar axuda e nós unha reflexión colectiva. Para quen queira e poida atender ao primeiro, un servidor poderá poñelo en contacto con Olga. Para o segundo, oxalá esta pequena historia poida chegar ao maior número de persoas posible. E tamén ao verinense Emilio González.

As preto de dúas horas de conversa con Olga resúmense no que me dixo ao nos despedir, cando lle pedín que confiara en min prometéndolle que escribiría a súa historia con agarimo e responsabilidade. Dende que cheguei os galegos e as galegas axudáronme en todo e sen pedir nada a cambio. A xente da UXT, a psicóloga, a AECC… un tratamento de quimioterapia que non podería ter pagado. Eu non entendo o por que de tanta xenerosidade porque non quero causar problemas a ninguén. A miña vida non vale tanto. E o que menos entendo é por que a lei e o goberno non están á altura da súa xente, á que lle debo a vida. 

Non é xenerosidade, Olga. É humanidade. Porque todas as vidas valen o mesmo. 

A Subdelegación do Goberno ordena a expulsión inmediata dunha enxeñeira e economista...